Memoria social das vellas pedras

Entre os moitos agasallos gratuítos que poden atoparse nas redes sociais, vén de sumarse unha publicación titulada “A Pedra do Encanto. Os relatos das vellas pedras”, mérito principal de Beatriz Comendador como autora dos textos e realizadora da maqueta, labor que competa aínda máis como editora, dentro do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo. Conta, iso si, cunha manchea de colaboracións de entidades e persoas relacionadas coa exposición que se fai do conxunto dos petróglifos do Salgueiral, en Bamio. Achéganos relatos de memoria das vellas rochas, personificadas na “pedra encantada” que se confesa estar hoxe en día “soa e esquecida ao carón dunha estrada e rodeada de lixo”, mais tamén sabe que “para algúns son un monumento, para outros unha molestia, outros din que non vallo nada e outros simplemente me ignoran”.  Unha parábola cívica do abandono patrimonial dun ben universal. 
Nesta publicación de corenta páxinas, abórdase a importancia da riqueza patrimonial que se contén neste lugar do Vilar, “materializada especialmente na presenza dun núcleo excepcional de Arte Rupestre nos petróglifos coñecidos como a Laxe do Meadelo ou Pedra do Encanto e Os Ballotes”, pegadas da memoria de comunidades humanas que ao longo do tempo viviron aquí deixando marcas da súa presenza nas rochas a xeito de testemuña do seu paso por esta terra.  Lembra que “a investigación sobre a arte rupestre conta cunha tradición longa en Galicia e algunhas das estación de Vilagarcía figuran entre as primeiras atopadas e documentadas”. Caso deste conxunto de petróglifos, descubertos e visitados xa a principios do pasado século.
Faise un relato cronolóxico dos diferentes estudos históricos que foron sucedéndose, dende que Enrique Campo, en 1907, debuxa a devandita Pedra do Encanto para a Exposición Rexional de Compostela, celebrada dous anos máis tarde; ocasión esta que promoveu o estudo de Juan Fernández Gil y Casal que abordou o mapa arqueolóxico de Vilagarcía xunto cos documentos da pedra, en 1916, ao tempo de mobilizar unha corrente de opinión para tratar de evitar a destrución deste petróglifo, facendo variar o trazado da estrada a Cesures. Sen dúbida, Fermín Bouza Brey, unha das figuras máis importantes da etnografía e da arqueoloxía galega fixo, en 1927, o primeiro estudo específico sobre Os Ballotes e O Meadelo, co valor engadido da fotografía e a compilación de lendas e relatos de tradición oral que, aínda nos tempos actuais, traen recordo de expresións cantadas ao xeito de “ola de ouro, ola de prata, ola de veleno que mata”.  
Nos anos que seguiron, Ramón Sobrino, Emmanuel Anati, Antonio de la Peña e moitos outros continuaron nun labor de pescuda do xa “monumento histórico-artístico de carácter nacional” que demanda máis atención na súa protección e na súa divulgación como fonte de riqueza cultural.

Memoria social das vellas pedras

Te puede interesar