A misiva das badaladas

Patrimonio, como palabra é un substantivo que, entre outras acepcións de carácter individual relacionadas coa consideracións dos bens das persoas físicas ou xurídicas, suma un outro significado de fundamental valor social, isto é a expresión do “conxunto de cousas materiais ou inmateriais de certa antigüidade e importancia recoñecida, pertencente a unha colectividade”. Por iso, a celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial que vén de conmemorarse é ocasión inmellorábel para avaliar a situación de abandono e desleixo no que se atopan moitas das obras de valor que por moitos milleiros enchen a xeografía do país, unha boa parte delas relacionadas na lista vermella, símil cromático do estado de alarma, que figura na web “patrimoniogalego.net” impulsada pola manchea de asociacións e colectivos culturais de base que forman a Rede do Patrimonio Cultural, nun proxecto no que o voluntariado fixo posíbel incluír xa preto de doce mil fichas que dan boa conta do estado de moitos dos valores materias que piden a berros intervención pública; entre eles figura a carrilexa Capela dos Milagres de Cortegada.

Con finalidade didáctica, inmellorábel xeito na chamada de atención ás autoridades responsábeis de preservar o patrimonio, unha sección que enfronta as imaxes aéreas da topografía actual na súa comparación coas fotografías de fai sesenta e cinco anos tomadas pola aviación militar dos Estados Unidos, permite ollar outras situacións que, aínda non figurando na listaxe de máxima alarma, si que piden coidado sen demora. Véxase o conxunto dos petróglifos no Xiabre, a discutida Torre de Meadelo ou o Conxunto das Casas do Pincho situadas na zona de O Castro, tipoloxía de casas mariñeiras tradicionais en séculos pasados, berce da Vilagarcía de hoxe en día.

Certo é que a materialización do compromiso asinado na Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural que, en 1972, deu comezo á efeméride que agora celebramos, foi medrando até acadar o máximo prestixio, de recoñecemento e utilidade económica no turismo internacional, co Programa de Obras Mestras de Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade impulsado no últimos vinte anos pola UNESCO; un instrumento para dar a coñecer, por en valor e protexer este outro tipo de patrimonio que comprende tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos devanceiros e transmitidas aos nosos descendentes, como artes do espectáculo, relatos orais, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativas á natureza e ao universo, e saberes e técnicas vinculados á artesanía tradicional. Ferramentas que dan identidade diferenciada ao país.

Velaí, o interese dun proxecto xurdido arredor do Camiño de Santiago, en territorio galego, recollido en “badaladas.gal” co rexistro sonoro das campás que constitúen un patrimonio tanto material como inmaterial ao seren un fermoso instrumento musical feito de xeito artesanal co que se achega á veciñanza unha forma de misiva útil. É unha relevante posta en valor do patrimonio.

A misiva das badaladas

Te puede interesar