Morreu o Demo, acabouse a peseta

Vén de celebrarse o Día Mundial do Teatro, impulsado polo Instituto Internacional desta manifestación das artes escénicas que xa vai camiño da sexta década; un berro da súa utilidade social e cultural que se expresa nun manifesto anual que para o caso actual, o dramaturgo e director de teatral cubano, Carlos Celdrán, titula a xeito de proclama “o teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”. Máis aínda, confesa que “antes do meu espertar no teatro, os meus mestres xa estaban alí. Construíran as súas casas e as súas poéticas sobre os restos das súas propias vidas. Moitos deles non son coñecidos ou apenas se lles lembra: traballaron desde o silencio, desde a humildade dos seus salóns de ensaio e das súas salas cheas de espectadores e, lentamente, tras anos de traballo e logros extraordinarios, foron deixando o seu sitio e desapareceron”. Atinada reflexión que nos sitúa diante do escenario na que as luces sinalan espazos claros e outros de escuridade, simboloxía da súa problemática cotiá.

Por iso, neste planeta galego que habitamos, a celebración desta efeméride, entre outros moitos lugares de interese, puxo foco en dous relevantes. Nun deles, presentouse o Primeiro Congreso Internacional do Teatro Galego, a celebrar o próximo ano do 25 ao 28 de Marzo, que nace dun dos obxectivo da Academia Galega que une a profesionais da industria cultural que desenvolve esta actividade artística, xustificando que “xorde esta iniciativa necesaria, tras corenta anos de exercicio profesional, con vocación de pluralidade aberta a todas aquelas experiencias e manifestacións teatrais que lle dan forma ao teatro en Galicia; e polo tanto todos os esforzos se concentran en procurar os apoios necesarios dun amplo abano de sectores con implicación directa”. Lembran o seu precedente nun encontro de profesionais de fai máis de trinta anos que permitiron activar políticas teatrais que hoxe precisan ser renovadas, misión congresual. 

A forza cultural que amosa o teatro galego actual, recoñecido na relevancia exterior das persoas que forman este colectivo, fundamental no proceso de normalización da lingua galega ten un precedente sen parangón no espectáculo de monicreques que percorreron feiras e festas tradicionais do país, en tempos da prohibición idiomática da nosa fala, para facer do galego a lingua de comunicación das formas teatrais populares. Diso falouse na outra Academia Galega, a RAG, partindo do estudio de Camba Campoy, autora de “Sen medo ao demo. Resistencia na Galiza da posguerra: o teatro de títeres de Barriga Verde”; en conversa co actor Santi Prego, profesor da Escola de Arte Dramática que clama polo seu recoñecemento no ámbito universitario. 

Teatro galego fundamental no patrimonio da cultura inmaterial que precisa máis recursos, ou vai ser que “señores, morreu o Demo, acabouse a peseta” e a función rematou. Evitémolo.

Morreu o Demo, acabouse a peseta

Te puede interesar