O mundo do porvir en clave feminina

As institucións culturais galegas, a xeito de honra de punto e final neste atípico ano da pandemia sanitaria que todo puxo patas arriba, alterando radicalmente as programacións existentes e mesmo a xeira de actividades de lembranza iniciadas ao comezo dun ano que xa vai ollando o seu próximo remate, están agora centradas en facer inventario das conmemoracións de obrigado cumprimento, certamente todas elas necesarias, de utilidades indiscutíbel e xustas polo que recordan. Unha delas, liderada polo Consello da Cultura Galega, é o ciclo de conferencias itinerante por varios lugares do país que foron parte vital da traxectoria de nacemento, morte ou actividade de Concepción Arenal Ponte, no bicentenario da súa chegada ao mundo, a finais de xaneiro, no Ferrol do Século XIX. 

As participantes neste ciclo de ollada múltiple, intentan fuxir da simpleza coa que se adoita presentar a unha figura socialmente comprometida, vangardista na súa proposta para facer un mundo mellor e precursora do feminismo activo, coas lóxicas contradicións que condicionaron ás mulleres na etapa histórica na que lle tocou vivir, porén en todo caso que vai máis alá da consideración de que “foi unha diplomada en dereito, pensadora, xornalista, poeta e autora dramática española encadrada no realismo literario e pioneira no feminismo ibérico. Ademais, é considerada precursora do Traballo Social. Pertenceu á Sociedade de San Vicente de Paúl, coa que colaborou activamente. Defendeu a través da súas publicacións o labor levado a cabo polas comunidades relixiosas do ámbito estatal español.

Colaborou no Boletín da Institución Libre do Ensino. Ao longa da súa vida e obra denunciou a situación nos cárceres de mulleres e homes, a miseria nas Casas de Saúde ou a mendicidade e a condición da muller nese século, en liña co pensamento das sufraxistas da súa época”.

Si, certo é que Concepción Arenal, á súa maneira, foi penalista, autora de preto a corenta libros e outras publicación que, en moitos casos, editou por conta propia enfrontando impedimentos legais dunha época na que se impuxo un papel subordinado e dependente para as mulleres. Optou polos libros de filosofía no canto da aprender na escola as maneiras subordinadas para as nenas daquel tempo ate chegara vestir de home para poder colarse na Universidade. Viviu de xeito modesto, lonxe do boato e deixou pegada en expresións e sentenzas que manteñen total vixencia: Abride escolas e pecharanse cárceres, “odia o delito e compadece aos delincuentes”, froito da súa traxectoria como visitadora dos presidios de mulleres. Como feminista: O home non progresará se deixa á muller ancorada, e tamén “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Pioneira, precursora e anticipada que tivo un certo recoñecemento do que resulta o seu nome en rúas e prazas, aquí e tamén no Alén Mar. 

Así e todo, a vixencia do seu legado precisa ser revisada da deturpación soportada, especialmente na etapa franquista, e coller novo pulo no ámbito social coa didáctica máis acaída á causa. É tempo.

O mundo do porvir en clave feminina

Te puede interesar