No bico un cantar

Curros Enríquez, para encomio e na memoria de Rosalía de Castro, cantou con voz poética: “Do mar pola orela mireina pasar, na fronte unha estrela, no bico un cantar”.  É metáfora ben acaída para celebrar o Día Mundial da Poesía que impulsou a UNESCO, vai para vinte anos xa, co obxectivo de potenciar a diversidade lingüística a través da expresión poética e darlle oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades propias. Un paso adiante co propósito de promover o ensino desta forma de creación literaria, fomentar a tradición oral dos recitais poéticos, apoiar ás pequenas editoriais que apostan por este modelo de libro pouco dado a gran distribución, crear unha imaxe positiva nos medios de comunicación para afrontar esa percepción habitual de atoparnos fronte a un xeito artístico anticuado, e pola contra facer dela unha expresión que permite aos pobos e comunidades transmitir aqueles valores o foros que reforcen a súa identidade e personalidade de seu. Na pretensión do organismo internacional da cultura, aínda tamén busca crear unha canle de diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, de maneira especial coa música.

Este substantivo feminino, a poesía, que define un xénero literario que expresa ou suxire algo por medio do ritmo, sobre todo o verso, da harmonía e da imaxe é, na consideración dos promotores da súa festa mundial,  “manifestación da diversidade, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación”. No senso figurado que a converte nun efecto especial de elevación que é propia da poesía e que se pode atopar en todas as ordes da vida, da natureza e da arte é, tamén, mostra da “diversidade creativa polo proceso de cuestionar o xeito sempre renovado da forma en que utilizamos as palabras, concretamos as cousas e polos nosos modos de percibir e interpretar a realidade do mundo cotiá”. Ferramenta para o entendemento cultural. 

Co festival “Alguén que respira”, o universo institucional de base e as xentes da cultura galega daranlle pulo a esta efeméride nunhas xornadas que sumarán persoas dos diversos e variados momentos da creatividade poética do país nos últimos anos, agrandado pola chegada de voces doutras xeografías internacionais aos que sumar música e reflexión. Non é a única manifestación, non. Noutro ámbito, Salvador García-Bodaño é bandeira da celebración organizada pola RAG. A homenaxe deste académico coincide coa feliz publicación da versión orixinal do texto “Miña Matria Galicia” co que Celso Emilio Ferreiro gañou, en 1968 nos Xogos Florais do Idioma Galego, o Premio Rosalía de Castro ao mellor “Canto a muller galega” que concluía así: “Quixera nomear cunha palabra o antigo donaire, a flor que non se murcha, a serán sosegada, a mansa pomba, a luz da fe, na interminable tebra. Direille, Rosalía”. Mil primaveras máis para poesía en galego.

No bico un cantar

Te puede interesar