Noite de Reis

A sabedoría popular galega foi construíndo unha linguaxe de forte carga simbólica arredor das Festas do Nadal que, certeiramente, asociounas ao concepto da escuridade nocturna, alén do elemento luz que é imaxe da celebración. En realidade tampouco é xustamente iso, a rótula dos días festivos equilibran entre unha e outra consideración a respecto da claridade. Así, á Noiteboa síguelle o día do Nadal, á Noitevella o día de Aninovo e á Noite de Reis o seu propio día que mesmo ten a consideración de Festa dos Reis na tradición cultural do mundo rural. Velaí as tres estacións, a xeito de viacrucis festeiro, que forman o camiño do período inaugural de inverno.

Na tradición católica europea creouse un percorrido que, como alfa e omega, iniciaba o seu andar na Misa do Galo da Noitevella para rematar na de Epifanía dos Reis Magos, figuras fundamentais da iconografía cristiá que, sen embargo, foron incluída no relato xeral eclesiástico séculos máis tarde de inaugurar a era posterior a Cristo, partindo dun tratamento evanxélico que non definiu a súa estampa do modo no que foron posteriormente consagrados; e dicir, que nin eran tres, nin tampouco reis. Todo o contrario, inicialmente foron tratados coma sacerdotes eruditos asociados ás características dos presentes que figuradamente levaron ao Neno Xesús: Ouro, incenso e mirra. Para tentar darlle corpo de autenticidade, fóra da súa consideración literaria mítica, mesmo se considera a chegada dun determinado cometa que, a xeito de Estrela de Belén, anuncia a arribada dun enviado á humanidade para ser o seu guía e, tras del, dende Oriente moveríanse estes sabios embaixadores especiais aos que se dota dun atributo máxico. Mesmo tiveron que pasar seiscentos anos para que Melchor, Gaspar e Baltasar foran bautizados con nome de pila.

Porén, moito antes das modernas Cabalgatas de Reis a celebración non tiña o acentuado carácter infantil que hoxe en día ten no ámbito peninsular. Esta orientación é froito dos últimos séculos para facilitar o negocio mercantil que motiva á compra de agasallos, especialmente brinquedos para nenas e nenos, baixo un protocolo que foi socialmente integrándose como ritual: Primeiro escríbese unha carta co pedimento e argumentos de comportamento, para facerse merecedor del, que se envía ao carteiro real. Chegada a Noite de Reis, fóra das casas deixaranse un ou dous zapatos para recibir o pedido e, noutro lugar próximo, algunha vianda e bebida para os máxicos visitantes e os seus animais de transporte. Ao amencer do día, saberase do resultado da sentenza real: De ser bos, o xoguete pedido; caso contrario, un tizón de carbón. Iso si, doce.

A muda dos costumes, a importación de usos foráneos e intereses comerciais están transformando unha celebración, na que xa se perdeu o Cantar dos Reis. Esencia antropolóxica.

Noite de Reis

Te puede interesar