A NOVA GUERRA FRÍA

As voces políticas das clásicas potencias militares anuncian unha nova Guerra Fría. Para iso escolleron a Conferencia de Seguridade que vén de celebrarse en Munich, unha versión no ámbito da seguridade internacional do que representa o Foro Davos para o universo da economía e das finanzas. E dicir, os amos do mundo lanzando mensaxes ao gusto da industria do armamento, a beneficiaria do clima de belicosidade e conflito que azouta a boa parte do planeta.
Iso é así e boa medida por causa das políticas de crecemento no gasto militar dos últimos catro lustros, agás o breve intervalo dos anos da crise recente, con novo incremento xa nos dous últimos, sempre por riba dos indicadores do PIB. Consecuencia diso é a situación denunciada por organismos internacionais gran prestixio como é SIPRI, Stokholm Internacional Peace Research Institute, que avisa do grande perigo que representa a multiplicación de conflitos armados por todo o mundo, cargados dun nivel de violencia sen parangón. Velaí unha fonte de gran manancial para o negocio da venda de armas. Súmese a situación dos chamados conflitos “intermésticos”; isto é, a mobilización dos exércitos para loitar en contra das mafias e grupos criminais en boa parte dos países da América latina. Aínda máis, no negocio do gasto militar vai tamén a cínica permisividade europea a respecto do límite de déficit, na obsesiva protección fronte a ameaza terrorista. Un sarcasmo se comparamos coa inflexibilidade cando de gasto social se trata.
Para alén diso, o foco de observación leva á situación de guerra múltiple que se vive en Siria, e por extensión na área xeográfica do Golfo. Unha liorta difícil de seguir porque nela van varios conflitos parellos, coa sombra da pugna larvada que desenvolven as grandes potencias á procura de asegurar o control sobre os recursos enerxéticos primarios. O despregue directo dos aparellos militares, con multitude de efectivos por todo ese territorio, ben puidera prender a faísca do lume que levase a un camiño sen retorno na extensión global dunha guerra non calculada. Por se isto fose pouco risco, outros territorios están padecendo situacións de tensión límite, coas potencias no medio do enredo: A pugna entre as Coreas, Ucraínia e varios países africanos. 
Ollemos con preocupación á deriva da lícita procura dun mundo xusto, multipolar, oposto á posición unipolar dominante dos Estados Unidos que, por este carreiro, está a levar novamente á situación bipolar que representa un grave perigo certo de conflito global.

A NOVA GUERRA FRÍA

Te puede interesar