Domingo 26.05.2019

Números cantan

Por analoxía co refrán popular que afirma “onde hai papeis, calan barbas”

Por analoxía co refrán popular que afirma “onde hai papeis, calan barbas”, o reflexo da realidade que se amosa nos números das sondaxes de institutos oficiais dedicados a este labor de estatística da inferencia cantan, con voz clara e potente, pondo en evidencia ás políticas de propaganda falaz ou do enredo ás agachadas que se desenvolven dende os gobernos de quenda para furtar a súa directa responsabilidade. Velaí o último informe da Enquisa de Poboación Activa a respecto do emprego e dos niveis de actividade comparativa nestes dez anos que median dende o inicio daquela crise que se asocia mundialmente á quebra do banco Lehman Brothers. 
Cousa ben diferente é o estudo expresado polo recente barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas a respecto da tendencia de simpatía e voto que detecta a favor das diferentes organizacións políticas en competencia por sumar representación no Congreso; e, consecuente con iso, a súa probabilidade futura de ocupar gobernos. O tratamento que produce isto nos medios de comunicación, sumado a cuestionada metodoloxía que impón o seu actual Presidente fan que este tema de natureza político institucional e partidaria cause moita máis atención de opinión pública ata o punto de desviar a ollada que, en boa lóxica polo número de afectados e pola súa transcendencia social, debería prestarse ás necesidade de emprego que amosa a EPA.
Por iso, apenas reparamos na gravidade do feito de terse producido, no ámbito galego, a destrución de máis de cen mil postos de traballo na última década e no fenómeno de ter minguado e seu mercado laboral ao perderse preto de noventa mil persoas activas; unha tendencia que evidencia a súa “caída libre” agravada na súa afectación aos menores de corenta anos, o sector da mocidade que ve na emigración fóra do pais a súa táboa de salvamento perante o esmorecemento da industria que continúa a perder peso fronte ao sector terciario da economía. 
Aínda máis, o sistema de emprego precario e baixos salarios froito da temporalidade abusiva inciden na expulsión do sector xuvenil multiplicando o envellecemento do conxunto da poboación traballadora. Consecuencia das políticas económicas e da reforma laboral que facilita, ademais, unha explotación coa que se leva á realización de tempos de traballo, alén da xornada contractual, moitas veces non retribuídos e outras de xeito fiscalmente opaco, sen control de horarios que agora demanda implantar o avogado da TXUE. Unha medida necesaria. 

Números cantan
Comentarios