O agromar das patacas

Cunha cerimonia máxica celebrada nunha librería da causa emancipadora, un grupo de mulleres militantes pola literatura da liberdade, foron quen de resucitar a Rosalía de Castro na data de conmemoración do se nacemento. Un feito extraordinario que estaba xustificado para dotar da solemnidade debida ao anuncio de proclamación da Nosa Señora das Letras que, para o presente ano, por acto de recoñecemento xusto veu en sinalar a Marica Campo para se situar no centro do palco baixo foco de atención que representa a efeméride do Día das Galegas nas Letras coa que o colectivo A Sega enche de palabra, dignidade e reivindicación o espazo do Parque de Bonaval.
O fascinante acto da invocación á precursora das letras galegas en feminino, veu en dar cunha proclama aos catros ventos planetarios do respecto ao papel das mulleres na literatura do país, redactado nun manifesto, baixo o título de “Os ollos das patacas”, lembrando que “antes da era das sementes transxénicas que cando nacen morren, a única maneira de que un campo puidese encherse de patacas era que estas botase ollos e fillasen. Para que puidesen nacer novas, precisábase doutras que desen algo de si, que mirasen cara á fóra, cara á terra que as rodeaba, que se mergullasen nela e sacasen o xermolo que levaban dentro”. Terra remoída para o futuro.
Alegoría atinada, ben certo que si é esta metáfora do xeito de agromar das patacas. Aínda máis, no contexto da invisibilidade que acotío soportan as nosas escritoras; na semellanza do tubérculo que “por desgraza, as patacas que botan ollos e fillan tenden a quedar soterradas. Por veces polo mero desleixo de quen fai os regos nas leiras, porque semella que quen non está en certos centros non existe. Outras veces, as máis, porque quen determina a extensión do campo, faino, non canto de cos ollos das patacas, co ollo do funil sexista, elitista e rancio. Un funil que ignora que sen patacas con ollos, non podería haber campos en flor cheos de palabras”. 
Porén, “hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serán no futuro”; é o caso da Marica Campo, autora luguesa que aos seus setenta anos vén cargada cun extenso patrimonio na defensa e promoción da cultura galega coa súa achega de múltiples publicacións que van desde a poesía á narrativa, pasando pola literatura infantil e xuvenil, o teatro, a tradución e as colaboración en prensa. Semente sobranceira que asegura o agromar futuro dun magnífico froito novo.

O agromar das patacas

Te puede interesar