O asubío do demo

Medo é, na súa definición como substantivo masculino, todo sentimento de inquietude ou temor que se experimenta ante a presenza, real ou imaxinaria, dun perigo. Significa, tamén, aquel sentimento ou receo que se sente por culpa de algo que pode causar algunha molestia ou ter certo efecto contrario do esperado. Porén, ese aspecto psicolóxico que vai parello á esencia da arquitectura mental dos seres humanos é aproveitado, con maldade intencionada, como arma de manipulación. A súa función, motivadora ou paralizante, como xeito de coacción dos comportamentos individuais e mesmo dos colectivos sociais, arranca xa dende a temperá idade infantil da que dá boa conta a riqueza antropolóxica que achega, dende todas as culturas universais, unha longa nómina de seres especializados en amedrentar a nenos e nenas, certamente con denominacións e alcumes que se adaptan a idiosincrasia do país e mesmo á singularidade dunha contorna local. 

Mostra diso, atopámola na edición coordinada por Antonio Reigosa, publicada por unha editorial galega co título de “Guía de campo da Galicia Encantada” na que se trata “dos seres míticos e dos lugares que habitan”, impagábel traballo de antropoloxía cultural no que recolle, entre outra multitude de casos, a figura dun peculiar demo que “ten por ocupación escoller no Aninovo ao parvo do lugar” ao que vai asubiar no ouvido provocándolle así que, a vítima escollida, pase o ano escoitando campás sen saber onde tocan realmente. Mito populacheiro que facilita reprender a quen realiza actuación molesta: Quen asubía, polo demo pía. E dicir, tiramos dunha figura etérea, o demo, implantado popularmente no imaxinario colectivo pola incidencia relixiosa perante máis dun milenio, como factor causante de temor, arrepío, espanto, horror, pánico, pavor e mesmo terror para instrumentar máis eficazmente unha imaxe para xerar eficaz medo propagado deliberadamente para eliminar a resistencia da persoa de xeito que resulte manipulábel. 

Medos que, contrariamente aos que actúan como mecanismos de alerta para evitar perigos que poñan en risco a supervivencia, necesarios e saudables, os que buscan mangonear e utilizar en favor do seu interese a reacción social foron evolucionando cos tempo e agora, sen moito pudor e ningún disimulo, empregan as canles de comunicación pública para crear estados de opinión orientados ao seu interese, en base aos discursos terxiversadores de persoeiros públicos. A tribuna da ONU, na celebración do seu 75 aniversario, é palco de moda internacional. Asubían na orella. Cumpre peneirar. 

O asubío do demo

Te puede interesar