O barómetro dos libros

barómetro, substantivo masculino que, na súa primeira acepción nos dicionarios e na percepción social, fala dise instrumento de medición da presión atmosférica é, tamén, expresión dun sistema de avaliación continuada no tempo da realidade social; e dicir, de cousa que se considera índice ou medida dun determinado proceso ou estado da cuestión. Polémicos veñen sendo os que difunde o Centro de Investigacións Sociais, CIS, especialmente cando levan unha forte dose de tensión política en base ao labor alquimista da cociña dos seus técnicos. Porén, moitos outros entes, asociacións e gremios achegan datos de gran importancia para adoptar medidas que faciliten a corrección de situacións que están amosando aspectos preocupantes na tendencia ou hábitos de comportamento da poboación. Velaí o recente Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros do ano que vén de rematar apenas un mes atrás. Unha de cal, outra de area.
Este traballo, cun precedente de continuidade no tempo ao elaborarse anualmente dende décadas atrás, realizado por unha empresa consultora de estudos sociais por conta da Federación de Gremios de Editores de España, en parcería coa Dirección xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte e de CEDRO, sinala entre as principais conclusións que “a porcentaxe de lectores de libro no ámbito estatal, entre persoas de máis de catorce anos, continúa a medrar”, aumentando en preto ao dous por centro a respecto do ano anterior para situarse nunha cifra pola que se asegura que sete de cada dez persoas leen habitualmente. Certo é que falamos de lectura en xeral, non especificamente de libros; tanto que sexa por obriga como por pracer. Nisto último, dise que “se analizamos os índices de lectura entre a poboación que afirma ler no seu tempo libre, por ocio, as noticias tamén son positiva”, tanto porque incrementou en máis do dous por cento a respecto do exercicio pasado como polo feito de superar ao sesenta por cento as persoas que fan iso. Nesta liña optimista, declárase que “a porcentaxe de lectores frecuentes tamén subiu en máis de 1,6 puntos porcentuais, ata acadar o 49,3% da poboación”.  Mágoa que “aínda se manteña un alto porcentaxe de xente española que non le nunca ou case nunca”, nada menos que catro de cada dez persoas. En xeral, un preocupante optimismo falaz. 
O traballo de pescuda fíxose sobre a base de cinco mil sondaxes, algo menos de trescentas no territorio galego, aínda así con datos segregados de abondo para alertar á Asociación Galega de Editores que publicamente demanda dos responsables públicos “políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego” que só é preferente, a respecto do castelán, nun catro por cento dos compradores, sexa en libros ou noutros formatos. Alerta vermella. 

O barómetro dos libros

Te puede interesar