O confinamento dos libros

s medidas impostas pola situación do estado de alarma co seu efecto extraordinario de confinamento da poboación para afastala do risco de contaxios na pandemia viral que soporta o conxunto total da humanidade planetaria, máis rigoroso por visíbel nestes pagos europeos, fan da tradicional celebración do Día do Libro e dos Dereitos de Autor, neste 23 de Abril, unha data anómala e sen precedente próximo que pon luz sobre un produto que vai para alén do seu aspecto de mercadoría ata transformarse nun ben de máximo interese do patrimonio cultural de carácter inmaterial; e mesmo material nalgún dos casos que fan de primeiras ou moi singulares edicións un tesouro que acada cobiza e grandes prezos nas subhastas. 
Esta conmemoración, centenaria no ámbito español coa singularidade catalá do libro e a rosa, foi asumida e proclamada pola Conferencia Xeral da UNESCO, en 1995, asumindo que nesta data da súa celebración coincidían, opinión en controversia, a desaparición de dous dos grandes mitos universais, Cervantes e Shakespeare, aos que unir o Inca Garcilaso de la Vega. Oportunidade anual para render tributo de recoñecemento social aos libros e aos seus autores, fomentando o acceso á lectura da máis grande parte posíbel de persoas, por riba de fronteiras físicas, salientando que este produto cultural representa un achado fundamental na transmisión de coñecemento humano e no proceso de compartir ideas; ao tempo de ser un instrumento eficaz tamén para eliminar a pobreza e construír unha paz sostíbel no mundo.
Por iso, agora nesta situación de anormalidade que ten as escolas pechadas e na que debemos ficar na casa, a lectura é mais importante que nunca polo seu poder para combater o illamento, estreitar relacións entre a xente, expandir novos horizontes persoais e miras de futuro, á vez que aguilloamos as nosas mentes para incrementar coñecemento ou estimular a creatividade. É o poder máxico dos libros.
Días, tamén, para o loito pola morte física coa lembranza de honra da académica Luz Pozo Garza, voz esencial da poesía galega deste pasado século, que nos deixa en herdade unha extensa obra “caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal” no que a luz constitúe un elemento central e o seu sinal de identidade no que viaxou coa constante do amor e a sensualidade, nun ciclo vital preto a ser centenario.
Memoria, ao tratarse dunha festa literaria universal, a súa vez para os franceses Albert Camus, no sesenta aniversario da súa morte, como autor do premonitorio “A Peste”, tan presente nestes días; e para Jean-Paul Sastre, no seu cuadraxésimo cabodano, pola lembranza da rebeldía, compromiso e valentía dunha traxectoria que foi quen de poñer ética ao rexeitar recibir o Nobel de Literatura; e aínda máis significativo, se cabe,polo “feito histórico” de ser un dos últimos escritores, pola súa obra militante, incluído no “Index librorum prohibitorum” que o Vaticano mantivo vixente dende o Concilio de Trento ata 1966. 

O confinamento dos libros

Te puede interesar