O corredor do aldraxe

Aldraxe, sen lugar a eufemismos que diminúan a consideración política do boicot encuberto ao interese empresarial galego, é o tratamento que se está a dar a esa sarcástica consideración de Corredor Atlántico ferroviario que, por territorio español, non toca para nada a parte atlántica do seu espazo. Galiza, e por veciñanza as comunidades próximas do cantábrico occidental, fica afastada dunha infraestrutura que é fundamental para o transito das mercadorías polo continente; polo tanto cousa de máxima importancia no desenvolvemento económico. Unha mostra indiscutíbel do débil papel de influenza e pobre capacidade de xestión do goberno autonómico.
A traxectoria neste asunto vai de enredo e xeitos de enganar á cidadanía con declaracións de intencións que non teñen contido detrás ou co intento de traspasar a culpabilidade a instancias comunitarias que, certo é, non se comportan como santos na planificación e no xogo de interese que se agocha detrás das súas decisións. Sen embargo a responsabilidade do goberno central, coa intervención do ministro do ramo, evidencia contradicións que agravan o efecto da ofensa. Boa proba diso é o incumprido compromiso de abordar xa na Unión Europea a extensión inicial do citado corredor polo que circularán os contedores de produtos chegados aos peiraos portugueses, a través das terras salmantinas, que irán rápido por esa vía aos centros comerciais europeos. Ao tempo que se nega a posibilidade de estender o servizo a favor dos galegos, anunciase a inclusión da rede aragonesa e navarra. E dicir, uns si poden; outros, non. Intolerábel.
Coa evidencia probada da falsa promesa de iniciar este ano a discusión arredor da modificación, para ser ampliado, deste corredor ferroviario de alta capacidade; no discurso oficial adíase para dentro de dez anos a súa teórica extensión aos portos galegos, sempre que catro anos antes entre nas consideracións que deben valorar políticos e técnicos comunitarios. Porén, as paredes do Congreso das e dos Deputados estatais veñen de ser testemuña; e tamén barreira que apagou volume xornalístico ás palabras da autoridade ministerial voceira ocasional da política de infraestruturas que veu en limitar o actuado polo goberno do Estado, afirmando que “estase a traballar facendo todo o necesario para que a faixa noroeste e cantábrica podan formar parte do corredor e que as súas infraestruturas de conexión sexan unha realidade o máis pronto posíbel”. A bo entendedor, outro aldraxe máis que sumaremos aos incumprimentos nas obras do AVE.

O corredor do aldraxe

Te puede interesar