O fardel das migallas

Comeza unha campaña electoral que, ollo á curiosidade de axenda, fai o seu arranque formal na noite do Samaín. Terror, alén da tradición histórica que fixo desta efeméride unha demostración da esencia antropolóxica dos territorios do mundo da cultura celta, transformada no artificio que busca o ámbito dos negocios mercantís para facer caixa; desta volta, un terrorífico xeito de gasto persoal para xogar ao baile de disfrace e das caretas. Porén, tamén unha metáfora do universo político que, no discurso formal, xogará ás agachadas a respecto do verdadeiros proxectos de xestión. Velaí un dos focos de interese, entre o que se di e o que se fará con certeza, co proxecto de implantar a chamada “mochila austríaca”; fardel de migallas no amparo á vida laboral persoal.

Lembremos que xa no chamado Programa Nacional de Reforma que o goberno estatal presentou ás instancias da Comisión Europea, fiscalizadoras das políticas económicas, unha das medidas enunciadas era “ a implantación gradual dun sistema de contas individuais de capitalización para a mobilidade a través da creación dun Fondo que permita aos traballadores facer efectivo o abono das cantidades acumuladas ao seu favor nos supostos de despedimento improcedente, de mobilidade xeográfica, para o desenvolvemento de actividades de formación ou no momento da súa xubilación”; e dicir, en botella e branco, non ten dúbida saber do que se trata. Van de cara. 

Un sistema individualizado de mochila ou peto que se vai enchendo coa achega periódica dunha cantidade da retribución bruta do traballador, especie de salario diferido, a xestionar por entidade financeira para a súa capitalización. Clara transferencia de fondos públicos a privados. Vai co traballador, de emprego en emprego, e complementa á pensión no caso de non ser usado. Seica é para flexibilizar o mercado laboral, eufemismo de “máis madeira” no recorte de dereitos laborais.

Dígase o que se diga na proclama electoral, os creadores de opinión van cociñando o caldo de cultivo para meter directamente a rebarbadora ao nivel de prestacións, tanto na indemnización por despedimento ou subsidios para o tempo de desemprego, como tamén no ámbito da contía económica das pensións de réxime solidario. Mírese para o último informe rogado, feito polo Instituto de Actuarios que, na súa síntese, manda un recado de alarma interesada: “O sistema público de pensión non é sostíbel financeiramente; é moi xeneroso, tampouco é equitativo, nin é eficiente”. Chove sobre mollado.

O fardel das migallas

Te puede interesar