O libro no tempo das TIC

Festa, cada 23 de Abril,  da palabra escrita en composicións formadas por un “conxunto de follas de papel ou doutro material, manuscritas ou impresas, cosidas, pegadas ou fixadas entre si por calquera outro sistema, e encadernadas, destinadas á lectura”, celebrada como “Día internacional do libro e dos dereitos de autor”, por decisión da UNESCO fai preto dun cuarto de século, para destacar deste xeito a importancia deste “sistema de publicacións non periódicas de máis de 48 páxinas”, que foi historicamente o medio de difusión máis importantes do coñecemento así como unha ferramenta esencial de enriquecemento cultural. Unha xornada reivindicativa para promover o libro e fornecer a través del o acceso á cultura da máis grande cantidade de persoas.
O precedente histórico sitúase nun acordo da Cámara Oficial do Libro de Barcelona, noventa e dous anos atrás, conforme coa proposta dun ocorrente e innovador libreiro local que viu na asociación da devoción ao, naqueles pagos, chamado Sant Jordi, unha certeira coincidencia coa data aniversario da morte de Miguel de Cervantes Saavedra, o autor do Quixote que pasa por ser a obra de máis relevancia na literatura en castelán, e desta feliz sincronía tirar proveito mercantil que se traduciu no costume de que os homes agasallasen unha rosa ás mulleres e, elas, devolvesen o xesto facendo o mesmo cun libro. 
Porén, este planeta que chamamos Terra xira arredor de si dando unha volta cada día e, a súa vez, vai facendo unha viaxe de translación arredor do astro Sol; metáfora dos cambios que van asociados aos tempos da evolución. Daquela, o formato do libro forxado no modelo da Imprenta Guttemberg vai tomando novos xeitos abrindo unha fenda que vai agrandando a súa dimensión no sistema tradicional de edición e comercialización sobre o que sobreviviu este patrimonio cultural. 
Constatación do Observatorio da Cultura Galega no informe “Datos da edición en Galicia, 2006-2016”, avaliando o efecto da lei en vigor nese período, coa conclusión de que “mentres que hai unha recente tendencia irregular á alza dos libros en soportes distintos de papel, o número dos editados neste último soporte descende considerablemente de forma ininterrompida”, afectando a saúde patrimonial e ao nivel de emprego do sector; sexan editoriais, distribuidoras ou librarías. As políticas institucionais, incluída a compra das bibliotecas, pouco ou nada axudan freando a caída. As tecnoloxías da información e do coñecemento fan o resto.

 

O libro no tempo das TIC

Te puede interesar