• Martes, 13 de Noviembre de 2018

Ás imaxes da crueldade inhumana que amosan as gaiolas de nenas e nenos afastados dos seus país na terras americanas que, noutrora, foron mundos de aceptación; froito dunha decisión política que bebe do manancial dunha opinión pública intoxicada

Ás imaxes da crueldade inhumana que amosan as gaiolas de nenas e nenos afastados dos seus país na terras americanas que, noutrora, foron mundos de aceptación; froito dunha decisión política que bebe do manancial dunha opinión pública intoxicada de xenofobia a respecto do xustificado e mínimo uso de recursos económicos para labores de acollida e integración laboral dos fuxidos por situacións de pobreza e fame; sumadas coa estampa desa inmensa foxa común que devora mortos sen parar, caídos polo estado da mar ou guindados criminalmente polas mafias transportistas desde as infames “pateras” ás augas do Mediterráneo, son só dous aspectos de impacto nunha dinámica migratoria que peta na porta da nosa memoria de vítimas emigrantes.
Velaí a metáfora do péndulo, para lembrar que nalgún momento que aínda perdura preto no tempo, as mesmas xentes dos pobos europeos que agora estamos chamados a exercer solidariedade coas persoas que petan na nosa porta, antes tivemos que facer unha viaxe moi semellante á procura de futuro noutras xeografías. Daquela recibimos, agora toca dar. Por iso, reparemos en que o substantivo feminino “migración” que nos fala do desprazamento espacial feito por unha poboación, por persoas e familias que teñen dereito a un futuro mellor para si ou para os seus fillos, é directamente proporcional á diferenza entre poboación e recursos e inversamente proporcional á distancia que os separa dos lugares que na súa esperanzada fantasía representa o agardado paraíso dos seus soños dunha vida alternativa e mellor. Europa para os pobos máis abaixo do Sahara, Estados Unidos para as comunidades da América latina son destinos procurados aínda que na realidade do movemento migratorio que afecta a millóns de persoas en todo o planeta, a máis grande parte vai para outros países tamén empobrecidos.
Porén migración non é expresión totalmente clarificadora da dirección na que van as persoas, precisa diferenciar as situacións emigración e inmigración. E dicir, cando somos nós os que marchamos fóra por necesidade ou cando temos a oportunidade de acoller aos que precisan da nosa axuda. Devolver o que un día recibimos, mesmo o que podemos precisar no futuro. É o péndulo migratorio que vai marcando unha traxectoria de ida e volta, sexa na simboloxía pola que se rexe o movemento horario dun reloxo ou, tamén, na oscilación esférica do “péndulo de Foucault”, un ir e vir marcado pola rotación da Terra. Memoria da nosa emigración.