• Miércoles, 26 de Septiembre de 2018

Nada máis atinado que asumir o consello da sabedoría popular: Os lumes dos incendios apáganse no inverno. Un paradoxo que non é tal, non. A limpeza dos espazos ocupados pola masa forestal ou á do monte baixo

Nada máis atinado que asumir o consello da sabedoría popular: Os lumes dos incendios apáganse no inverno. Un paradoxo que non é tal, non. A limpeza dos espazos ocupados pola masa forestal ou á do monte baixo; a labor de manter limpas as beirarrúas e outros elementos que poden facer de combustíbel para facilitar a propagación do fogo; e, loxicamente a política forestal sobre as especies que poña coto ás foráneas propagadoras das chamas, son fundamentais para evitar a traxedia humana e medioambiental que aínda fica viva na memoria colectiva do sucedido o pasado ano, en terras galegas e nas portuguesas da nosa veciñanza e irmandade cultural.
O planeta móvese, boa metáfora alegórica a respecto da resposta cidadá a un problema social. Cada día dá unha volta arredor de si, ao tempo que mantén a traxectoria elíptica na circunvalación do astro Sol, agora precisamente no punto máis lonxe da estrela do sistema e, consecuencia diso, coa máis cativa das velocidades para acometer un principio físico que coñecemos por “fenómeno afelio”. Simboloxía tamén da necesidade de acometer os ritmos, porén sen parar nun camiño que avisa da repetición periódica do risco de vaga de incendios, agora diminuído pola peculiar meteoroloxía deste tempo climático que aínda trae choiva, altos niveis de humidade e ventos moi frouxos, magníficas condicións para afastar o perigo incendiario. Mais non tardarán en mudar. 
Por iso, é tempo de reiterar a necesidade de abordar unha planificación estratéxica que poña en valor a inmensa capacidade que ofrece a explotación racional do monte galego, sen esquecer a súa relación co ámbito rural. Políticas de consenso co sector da propiedade, mancomunada ou das familias, orientada á dinamización dun mundo natural que foi capaz de afrontar a xestión de usos que fixeron das queimas controladas unha parte más do ecosistema de rexeneración.
Tamén é tempo de pór en valor iniciativas, máis modestas, que sirvan de modelo pedagóxico para sensibilizar e para as institucións chamadas a fornecelas. Velaí unha mostra do atinado que representa a utilización de dúas ducias de cabras. A prensa, incluída medios de gran difusión estatal, vén de facerse eco dunha iniciativa impulsada pola Cámara Municipal de Santa María de Feira, o concello que neste ano celebra ser a Capital Cultural do Eixo Atlántico, á procura da de acadar un obxectivo colectivo: “Portugal sen fogos, depende de todos”. É o rabaño da Catarina.