O relato das pedras

alan as pedras, e non só da longa noite que na metáfora de Celso Emilio é tempo de medo e afogamento da liberade, unha dinámica que foi e semella ser novamente, se non que é un recordo eterno de tempos pasados, doutras culturas, memoria da evolución da humanidade e pegada sólida dun ben colectivo que non pode borrarse no disco duro da lembranza popular. Contan historias e crean relato que asalta as noticias secundarias da prensa internacional, iso si de case toda o orbe planetaria, cando tratan dun novo achado de máis de medio cento das chamada liñas Nazca, no Perú, esas corredoiras marcadas con pedras que forman figuras tan grandes que só é posíbel ver dende o ar, a bordo dunha aeronave. Relato humilde das pedras galegas que veñen de marcar un fito no traballo de voluntariado cultural do país ao pasar xa de dez mil, as fichas achegadas ao proxecto de localización e catalogación web “patrimoniogalego.net”.
Falan as pedras co seu código evolutivo que son “xeoglifos” nas milenarias culturas Paracas e Topará que, fai preto a dous mil cincocentos anos, nas terras peruanas dos vales de Palpa deron forma a estas misteriosas liñas que, aínda hoxe en día, constitúen todo un misterio por resolver para alén da teoría simplista de ser un sistema de regadío para zonas desérticas. Mesmo dan para opinión que sitúa a súa xénese nunha suposta raza alieníxena que utilizaría as mencionadas construcións como sistema de sinais estelares para aterrar naves espaciais. Todo un misterio que é aproveitado para levar turismo a unha terra pouco amigábel pola súa aridez. Entre nós, o códice empregado para expresar a cultura dos devanceiros que nos precederon miles de anos atrás, chámanse petróglifos porén tamén contan historias de grandeza social. 
Todo isto, e moito máis tamén, está recollido nese catálogo social que é “patrimoniogalego.net”, un tesouro achegado polas persoas, militantes da cultura, que nunha colaboración de voluntariado foron anotando información sobre cruceiros, igrexas, hórreos, castros, petos de ánimas e outros bens; coñecidos ou inéditos para o público interesado. Inventariados pola Xunta, ou non. Conservados e protexidos, e tamén os que por risco forman parte dunha lista vermella de alarma.
Temor pola conservación futura de pedras que teñen historia e relato, tal é o caso da mutilada Pedra do Encanto ou Gran Laxe de Meadelo, tratada por Bouza Brey ou Obermaier, cargada de lendas de tradición oral que nos din que “do Monte Lobeira á Pedra do Encanto, hai unha mina de sete reinados, sete de ouro, sete de prata e sete de veleno que mata”. Sete anos son, tamén, os que leva a citada web ao servizo impagábel da causa do patrimonio.

O relato das pedras

Te puede interesar