O retablo de Andrade

ara o Día das Artes Galegas do próximo ano, o plenario da Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” vén de elixir a Domingo Antonio de Andrade pola “importante significación como arquitecto con proxección universal, así como debuxante, escultor e teórico da arquitectura, con obra significativa en Compostela, Tui, Vilagarcía, Ourense, Oseira” e aínda noutros lugares máis. Certo é que a obra que relaciona a Vilagarcía con este influente e poliédrico precursor do Barroco galego vén sendo obxecto de controversia a partir dun estudo da profesora Folgar de la Calle que cuestiona a consideración historicamente afianzada de ter sido “reciclado” o Retablo Maior da compostelá Igrexa de San Domingos de Bonaval, de base renacentista, con superposición de corpos, obra ideada e deseñada por Andrade a mediado do século XVII que unha vez montada no asentamento inicialmente pensado non foi capaz de aguantar en pé, coa estrutura orixinal; e daquela, con modificacións, foi trasladado e posteriormente “conservada na Igrexa parroquial de Santiago de Carril”. É boa ocasión para lembrar a obra deste artista galego.
Domingo de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712) formouse na mocidade en centros académicos e de ensino universitario relacionados coas artes sen perder o obxectivo de consagrarse como clérigo, cousa que non acadou en primeira instancia ao contraer matrimonio que durou ata quedar viúvo, xa con sesenta e un anos, situación familiar esta que posibilitou a súa demorada ordenación sacerdotal xunto cunha máis grande implicación coa Catedral de Santiago que finalmente acollerá o sartego cos seus restos mortais. Aquí, neste centro relixioso e icónico da arquitectura galega, primeiro como aparellador e logo como mestre maior, o autor do tratado sobre “Excelencias da Arquitectura” é onde deixou unha pegada máis popular coa Torre do Reloxo, probabelmente a súa obra mestra, coa que corou a medieval base preexistente, a Berenguela, engadíndolle elementos decorativos e técnicos que deixan marca propia a todo o conxunto até facer desta actuación un modelo que foi copiado e copiado dentro e fóra do territorio galego.
No entorno catedralicio suma ademais o remate do Pórtico Real da Quintana, o da torre das Campás na fachada e poida que todo ou parte fundamental da Casa da Parra e do conxunto da Conga na liña da Casa das Pombas e outras de carácter civil construídas para o Cabido e demais autoridades eclesiásticas. A súa personalidade artística deixou pegada, tamén, no conxunto de San Domingos de Bonaval, aparte do retablo que non quixo aturar en pé, con diversas portadas, o remate do claustro e coa escaleira helicoidal que une aos diversos pisos do vello mosteiro. 
A lembranza da súa memoria non pode esquecer o seu labor de artista das talla e imaxinería coa multitude de retablos que poden ollarse por catedrais, igrexas e mosteiros de toda Galicia coa cautela debida que agora pesa encol do “trasladado” á Igrexa Santiago Apóstolo de Carril. 

O retablo de Andrade

Te puede interesar