O silencio axeonllado

Tempo de pasar páxina. Momento de recuperar o sentidiño perdido no discurso atolado ou nas decisións nacidas da arroutada contraria da razón lóxica das cousas. Atinada a decisión das e dos numerarios da Real Academia Galega que propoñen dedicar o Día das Letras Galegas do próximo 2020 á figura literaria de Ricardo Carvalho Calero. Saldar unha débeda pendente dende fai varios anos nos que, un detrás doutro, foi negado para esta conmemoración que representa divulgar a súa obra literaria, de ensaio e de difusión da lingua galega, quizás por estar considerado como o ideólogo da postura que busca o achegamento do noso idioma ao tronco común do lusismo; e dicir, da opción pola preferencia da forma gráfica galego portuguesa. Pendente aínda o acordo do plenario da RAG, é ocasión para pór en valor unha contribución decisiva na elaboración da gramática da lingua e do papel dun intelectual caracterizado pola defensa do galego; en definitiva elevar a metáfora institucional o título do seu traballo de mocidade “O silencio axeonllado”. De vez.

Carvalho é símbolo da militancia teimosa na causa do idioma e dos dereitos do pobo galego; dun compromiso co galeguismo político que supuxo para el cárcere, aldraxe e desterro da función pública porén que non foi capaz de axeonllalo; todo o contrario. A súa dimensión agrándase co paso do tempo como abandeirado da loita por facer normal a utilización da lingua propia do país na vida cotiá ao tempo de facer dela un instrumento básico da nosa personalidade cultural. Proceso de normalización que, a día de hoxe, está moi lonxe de acadar o mínimo razoable dos obxectivos necesarios para garantir “por mil anos máis” a súa función de identidade.  Desleixo das autoridades políticas que poñen atrancos de todo tipo ao cumprimento dun mandato legal que formalmente, entre outros,  pula pola súa extensión nos diferentes ámbitos científicos e socias. 

Véxanse, senón, as conclusións que vén de difundir o Consello da Cultura Galega froito dun recente encontro para a normalización lingüística, baixo o título “Divulgación científica en Galicia: cal é o peso (atómico) do galego?”, no que amosa o feito dunha realidade na que a divulgación científica en galego repousa fundamentalmente nas “grandes doses de compromiso cívico, de motivación persoal e de voluntarismo” de persoas, colectivos e asociacións que pola calidade humana e profesional van rompendo os muros e atrancos das políticas científicas ou educativas. Próbase que “a falta ou cativeza das axudas públicas autonómicas para a divulgación científica, en forma de apoio económico polas distintas vías coñecidas, é en si mesma un elemento significativo” ata o punto de resultar máis doado logralas en proxectos de financiamento estatal.

Súmese “a falta dunha política axeitada para o fomento da lingua propia nos medios de comunicación” e veremos a situación de “silencio axeonllado” na vía da normalización do galego.

O silencio axeonllado

Te puede interesar