O sorriso do profeta

Xustiza poética fronte á inxustiza patética, velaquí unha certeira expresión que permite valorar a dimensión moral do Premio de Xornalismo Cultural outorgado á escritora, Ana Romaní, mítica directora do programa “Diario Cultural” da Radio Galega que, preto de cumprir trinta proveitosos anos de existencia, foi suprimido polo ente público de comunicación radiofónica nesta tempada, nunha decisión que no máis favorábel dos cualificativos só pode ser considerada falaz cacicada; así vista por todo o mundo da cultura que no país amosou a súa esixencia de continuidade. 
Este  galardón concedido polo Ministerio de Cultura español para recoñecer o labor de xornalistas ou de institucións do sector que fomentan actividades culturais e que poden realizar o seu traballo en calquera das linguas cooficiais no estado; non só vén a render xusto tributo de recoñecemento público á labor desta académica noiesa, senón que suma tamén transcendencia a súa integración no plenario da Academia Galega, RAG, á que con certeza levará ar fresco e moita dignidade persoal dentro dunha mochila que vai cargada de boa literatura poética, infantil e xuvenil, ensaio e moita obra colectiva adobada con magníficos proxectos culturais, creativos e vangardistas. 
Por iso, Ana Romaní, aínda que antes xa fora recoñecida publicamente con máis dunha ducia de distincións, co seu último premio está a marcar o ambiente da cerimonia formal que anunciou os Premios da Cultura Galega do presente ano, galardóns outorgado neste caso pola Xunta de Galicia, previa decisión dun xurado de doce persoas; na modalidade de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. 
Todos os premiados son merecentes, sen discusión, da honra que representa este certame público. Xosé María Cáccamo, Luz Darriba, Antón Santamarina, Ramón Villares; e, tamén polas súas catro décadas de traxectoria, o grupo musical A Roda. Porén, debe repararse na dimensión que, partindo de iniciativas moi atinadas e xestionadas con vontade teimosa, fixeron do Festival de Outono de Teatro, FIOT, un fito dos logros que poden acadarse nunha vila culturalmente dinámica, Carballo, sen ser un ente de poboación de gran dimensión. Caso semellante é o do Festival de Cans, encontro audiovisual simpático, que colocou a esta parroquia porriñesa nas referencias do cine, e da festa cultural, nos foros cinéfilos do planeta. 
Aínda así, a metáfora crítica á política cultural que lembra o despropósito coa cancelación do “Diario Cultural”, ben podería estar no premio á asociación O Sorriso de Daniel, firme defensora da conservación do patrimonio medieval galego, que tomou o seu nome da figura que, no Pórtico da Gloria da catedral compostelá, esculpiu a este profeta quen, cas cores restauradas, acentúa o seu retranqueiro sorriso para indicarlle á Radio Galega que “onde as dan, lévanas”. 

O sorriso do profeta

Te puede interesar