O vello mapa de Fontán

Poucos días atrás, no lugar de Porta do Conde, a xuvenil banda municipal de Portas celebrou un concerto popular na memoria do fillo máis ilustre de toda a contorna, nacido aquí fai 230 anos; e dicir, á honra de Domingo Fontán, unha persoa que deixou pegada en multitude de facetas da vida cultural, académica,empresarial e política do seu tempo. Entre todas elas, sen dúbida a que é máis recoñecida, admirábel e icona visual da identidade galeguista é a chamada Carta Xeométrica de Galicia, obra á que dedicou dezasete anos de traballo pateando as vellas e moitas veces intransitábeis corredoiras do país, nun labor de arrieiro cargado con vangardistas instrumentos de medición e cálculo que fixeron posíbel unha marabilla pioneira da cartografía moderna.
Por iso, Fontán é merecente protagonista dos actos do Día da Ciencia en Galicia que organiza a Real Academia Galega de Ciencias e será obxecto dunha conmemoración especial que esta institución anuncia celebrará no outono próximo, en Pontevedra. Será un agradecemento máis para unha figura que, para alén de estar soterrada no Panteón de Galegos Ilustres da Igrexa compostelá de Bonaval, aínda demanda máis rigor e pescuda na extensión da súa biografía académica e social, tanto para realizar unha clarificación obxectiva sobre aspectos da súa rica personalidade como para afondar na contribución que achegou dende a identificación na causa da ilustración aos precursores do nacionalismo galego. No entanto, recoñecemento para esa Carta Xeométrica que durante varias décadas, dende a súa demorada publicación ás costas do autor, foi o singular atlas do territorio español realizado con criterios científicos e medicións matemáticas facendo del un avantaxado mapa topográfico e trigonométrico único. Un plano no que se recollen os accidentes xeográficos relevantes, as catro mil igrexas que delimitan a base territorial do país, e outros finos detalles que non foron superados ata que chegou a cartografía por satélite. 
Así, para Marcos Calveiro, gañador do Premio Repsol de Narrativa Breve coa novela biográfica de corte histórico que percorre a vida de Domingo Fontán, relato que afonda na traxectoria do fillo insigne de Portas, é indiscutíbel que “foi un protonacionalista que sempre tivo Galicia por diante de calquera interese”. Importancia que tamén consagra Otero Pedrayo, na narrativa de “Arredor de si”, outorgándolle á Carta Xeométrica unha significación case mística, como símbolo identificador da nación galega, como unha proxección da realidade toda do país. Refírea Castelao no Sempre en Galiza; e Cunqueiro considera que para si propio a descuberta do mapa foi atoparse  co “rostro de Galicia”. Anxo Murado di que a identidade galega, polo que respecta ao carácter definitorio do territorio e a súa xeografía, debe procurarse “nas follas amarelas do vello mapa de Fontán”. Certo.

O vello mapa de Fontán

Te puede interesar