Ollo ao dato nas cifras do galego

olo que respecta ao idioma galego, a festa da cultura oficial, en base a recitais poéticos aquí no país e acolá na diáspora compartida con outras institucións lingüísticas, pensada para celebrar o Día Europeo das Linguas, iniciativa impulsada dúas décadas atrás polo Consello de Europa co obxectivo de promover a riqueza idiomática existente no continente e concienciar sobre a importancia e vantaxes da aprendizaxe de linguas, así como a necesidade de coidar os idiomas maternos, viuse absolutamente truncada polos datos expresados na enquisa sobre coñecemento e uso do galego difundida ao tempo polo Instituto Galego de Estatística cun dato moi preocupante: Un cuarto da infancia e da mocidade galega non sabe falar o idioma propio e case a metade deste grupo de idade só usa o castelán nas relacións da súa vida cotiá. Alarma vermella. 
O estudo citado forma parte da “Enquisa estrutural a fogares”, actividade anual do IGE que procura información da cidadanía, no entorno do ámbito da vivenda residencial, sobre as características socioeconómicas que divide a sondaxe en dúas partes: Unha primeira de carácter xeral que repite todos os anos, deseñada para recoller información sobre variables básicas, e unha segunda de carácter específico. No pasado ano, do mesmo xeito que cinco e dez anos atrás, e dicir con frecuencia do quinquenio, un dos módulos específicos dedicouse ao coñecemento e uso da lingua galega para, deste xeito, analizar, entre outras cousas, o grado de coñecemento do idioma galego nas súas distintas formas, escrito e oral, e o seu uso en diferentes ámbitos sociais. Un traballo sociolóxico que debe formar parte da folla de ruta da política lingüística se queremos asegurar “mil anos máis” para lingua e a cultura de identidade do país.
Ollo ao dato: O segmento que amosa o menor coñecemento e uso do idioma galego é o que xa foi escolarizado após o temerario e socialmente cuestionado Decreto do Plurilingüismo, con dez anos de vixencia, a primeira norma lexislativa na traxectoria dos gobernos galegos co actual réxime de autonomía, que reduciu a presenza do galego nas aulas. Daquel po veñen estes bulleiros. Para a Real Academia é mostra da actuación da escola como axente “desgaleguizador”; especialmente preocupante pola irrelevante presenza do galego nas aulas de Infantil en ámbitos urbanos. Certo é que non constitúe o único problema de futuro para o idioma propio. Os diferentes apartados do traballo estatístico evidencian a carencia dunha política lingüística que busque garantir o poder “vivir en galego” na realidade cotiá. Sexan datos do uso habitual e inicial do galego, da súa utilización no ámbito laboral do traballo, nas relacións comerciais ou en calquera outro aspecto da relación social; con diferentes graos o resultado é moi distante ao mínimos de normalización aceptábeis. Pouco o nada axudan os ámbitos da comunicación, sexan medios de prensa ou nas redes sociais que caracteriza a canle de internet. Tempo límite de reacción para evitar a extinción.  

Ollo ao dato nas cifras do galego

Te puede interesar