Ondas veñen e van

O asunto da pandemia vírica que campa pola orbe planetaria adiante, a expresión “onda” é motivo de cobiza para o seu tratamento nos medios de comunicación, á hora da poñerlle un símbolo fácil de identificar pola opinión pública que facilite a comprensión sobre os diferentes movementos de extensión do andazo, aínda que a verba provoque controversia no ámbito científico e sanitario a respecto da comparación do fenómeno do covid-19, certamente cargado de enigmas que tardarán en resolverse de xeito inequívoco, enfrontado a outras situacións históricas, caso da chamada “gripe española” que, pola súa dimensión e formato de contaxio descontrolado nos espazos mundiais máis conectados entre si, é o recurso máis doado para poñer na balanza dúas casuísticas que se ven semellantes aínda que poda non sexan realmente comparábeis.

Velaquí o cerne da cuestión, facendo uso da terminoloxía que vén de incorporar a Real Academia Galega a respecto das palabras máis acaídas, xurdidas neste tempo de temor e confinamento. A visión xornalística sitúa varias ondas; e dicir, a do momento no que agromou a pandemia en cada ámbito territorial, sexa continental ou máis limitado aos espazos estatais, incluída a súa amplitude nas taxas de contaxios, de letalidade e de mortalidade para esvaecerse após a recuperación da sarcástica “nova normalidade” e, deste xeito de entender a marcha, facer do actual e indiscutíbel proceso de subida ou aumento que está a experimentar o número de novos contaxiados, unha segunda onda. Porén, a comunidade científica fala dunha “grande onda”, na que os diferentes tempos non poden verse no espello da gripe centenaria porque este virus non é estacional, demostración evidente pois estando na estación meteorolóxica de verán os casos non van en diminución, todo o contrario. Este bicho compórtase de xeito moi diferente á gripe.

Daquela, tiremos da retranca para dar un consello a navegantes por estes mares dun incógnito que vai precisar moito tempo para ser descuberto en todas as súas características. Vén moi a conto o atinado diálogo coas persoas que adoitan estacionar o seu vehículo na franxa da beiramar aos que debemos lembrar que “aquí a marea tanto lle baixa como lle sube” para facelos partícipes do risco de ver anegado o seu coche. Sabedoría popular concentrada no retrouso da Rianxeira: “Ondiñas veñen e van, non te embarques rianxeira que te vas a marear”. Sentidiño, prevención e reacción sabendo que aínda fica moita pandemia.

Ondas veñen e van

Te puede interesar