Ósos con memoria lingüística

Unha lápida colocada á porta do cemiterio dunha localidade, no ámbito rural galego, reza: Aquí están os nosos ósos, agardando polos vosos. Semella unha ocorrencia nacida do fino humor negro do enterrador local, mais é unha chamada de atención á parroquia dos vivos para que sexan quen de continuar a misión colectiva que deu identidade cultural ás persoas alí soterradas. Metáfora da campaña lingüística que reivindica galeguizar a memoria do Alén.
Así, nos pasados días celebrouse o “Día da restauración da memoria lingüística de Galicia”, considerando na opinión dos seus impulsores que “o culto á memoria dos nosos devanceiros ten fondas raíces na nosa cultura. O tránsito da vida á morte non supón esquecemento da persoa querida; todo o contrario, estimula en nós o efecto da súa lembranza. Aos cemiterios acudimos con frecuencia, ou polo menos unha vez ao ano, no Día de Defuntos, a rendermos culto a súa memoria, xusto é que as lápidas se redacten no idioma no que se expresaron en vida”. Necesario é lembrar que foi en galego o idioma no que eles se expresaron en vida para namorar, chorar nos momentos de tristura, cantar en tempo feliz, contar o mellor da súa experiencia vital, arrolar a fillos e netos, e mesmo soñar; e dicir, desenvolver todas as actividades da vida cotiá.
Por iso é unha absoluta anomalía cultural o desleixo que representa a escasa utilización do noso idioma no proceso funerario, a comezar polos anuncios fúnebres, as chamadas esquelas; continuando polo oficio relixioso e rematando no aspecto que amosan a lápidas dos camposantos, un panorama que pide instar ás empresas do sector funerario e afín a ofrecer os seus servizos con preferencia na nosa lingua. Velaí a utilidade simbólica dos actos que levan ás autoridades municipais a colocar unha placa á entrada dalgún dos cemiterios “na memoria dos que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
Se a Igrexa Católica vén de publicar a instrución “Ad resurgendum cum Christo”, sobre a sepultura dos defuntos e a conservación das cinsas en caso de cremación, polémica incluída á respecto do que atinxe á práctica social de esparexelas por canto curruncho poda haber na lembranza dos momentos de vida do finado, incluído mesmo a súa conversión en diamante para perpetuar o seu recordo pendurado ao pescozo do familiar vivo; con máis razón debemos ollar ao sartego da xente que nos precedeu: Onde estades vós, estaremos nós e onde estamos nós, antes estiveches vós. 

Ósos con memoria lingüística

Te puede interesar