A outra faciana do Sabio Caldas

Vén de rematar a exposición que, no Museo provincial, conmemorou o 250º aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas Tenorio, feito acontecido na colonia española de Nova Granada, en terras americanas que hoxe se reparten entre Colombia e máis o Ecuador; fillo dun caldense forzado á emigración ao alén mar; razón pola que el leva ese apelido e, tamén, o alcume co que pasou á historia: O Sabio Caldas. A orixe dos seu devanceiro foi tamén causa pola que, tempo atrás, foi designado fillo adoptivo do concello de Caldas de Reis, nomeamento que simbolicamente se materializou na plantación dunha árbore de camelias no Xardín Botánico local ao tempo de dedicarlle unha praza en Arcos da Condesa, cerne da súa familia galega. 
A efeméride deste natalicio foi lembrada tamén no ámbito universitario e científico galego, mesmo coa recepción dunha embaixada de académicos e representantes institucionais colombianos, subliñando en todos os casos a faciana científica, innovadora e de compromiso coas persoas e coa natureza deste persoeiro latinoamericano, certamente pioneiro no campo da botánica, da xeografía e da astronomía á que se achegou dende a militancia no coñecemento autodidacta ata acadar unha reputación ganada en base a teimosía e facer dos seus estudos unha achega á identidade propia da cultura do seu mundo, para alén da imposición do modelo europeo. 
Nesta celebración do Galego de Popaián, é de xustiza citar un libriño de 26 páxinas, mérito do concello caldense coa achega da Deputación, orientado ao ámbito escolar como obriña didáctica para facer que os seus lectores destinatarios puidesen dicir “eu tamén coñezo ao Sabio Caldas”; iniciativa loábel porén incomprensibelmente centrada na lóxica énfase da relación do estudoso colombiano coa súa orixe familiar nas terras do Río Umia e na singular relación deste “sabio” coas súas achegas ao ámbito científico; mais agochando outra parte fundamental da súa biografía. 
Velaí, resultando ser por convencemento e total identificación, Caldas, un home que impulsou e batallou activamente a prol da liberación dos países americanos sometidos á dependencia do Reino Español ata o nivel de ser un dos líderes militares de alta graduación que contribuíron a forxar as bases da súa enxeñería patria e da arquitectura institucional do novo estado, morreu por fusilamento dun pelotón que executaba orde directa do vicerrei; e dicir, do representante da coroa. Aspecto que, na publicación, resumen cun eufemismo: “Cando hai guerras, as armas e a violencia sempre mandan por riba do sentido común e da xustiza. Mátase a moita xente só porque pensan diferente ou están no bando contrario. E iso foi o que me sucedeu a min por defender o desenvolvemento do meu país”. Certo é, porén agocha a faciana política dunha das poucas persoa cuxos restos mortais repousan no Panteón dos Próceres da independencia de Colombia.

A outra faciana do Sabio Caldas

Te puede interesar