Palabra de patriotas

alabra é substantivo feminino con máis de dez acepcións no dicionario da nosa lingua. Loxicamente, entre elas está a súa condición de “son ou conxunto de sons que expresan unha idea e constitúen unha unidade autónoma”; e, no seu plural, di a maneira adecuada de expresar algo, “aquilo que se di”. Porén, non podemos esquecer que, a súa vez, o vocábulo é manifestación da “promesa feita sobre a honra de que o que se di é certo”. Por iso, entre os seus sinónimos está a formalidade, a honradez, a integridade e a seriedade. Atributos, todos eles e aínda máis, das trece persoas, a xeito da icónica imaxe da última cea bíblica cos apóstolos xuntos arredor de Cristo, que configuran o libro “Palabra de Patriotas” de Salvador Soutullo Corolo, na súa versión completa con preto de medio milleiro de páxinas, que agora se presenta para goce dos lectores, cun rigoroso e amplo abano de longas entrevistas nas que “todas e todos os que están no traballo editado son” figuras da máxima relevancia no movemento nacionalista galego actual, malia recoller testemuñas que, agás unha delas, fican atrás no tempo por máis dunha ducia de anos, aínda que xa tivese saído do prelo editorial unha “primeira parte” coa metade das doce finais.
Esta obra literaria, un ensaio de opinión política, social e cultural co que se logra condensar nunha única publicación as opinións de moitas persoas para ver no seu conxunto e comparación un mosaico integrado da historia recente do nacionalismo galego, das traxectorias persoais que o fixeron posíbel e das teses políticas que sustentan a ideoloxía compartida de fondo por todas e todos eles; é mérito da teimosa labor do seu autor, un galego da diáspora emigratoria, xornalistas con extensa experiencia e colaboración profesional ou altruísta nunha manchea de medios de comunicación aos que suma a súa contribución, entre outros títulos de autoría individual, ao texto colectivo “A emigración galega na Unión Europea”, vocación de estudo que fai del un animador determinante da Asociación para a Comunicación cos Emigrantes Galegos, ACEGA, que é a entidade que asumiu o labor editorial das versións publicadas deste libro de Soutullo Corolo. 
Daquela, aínda son máis valiosas e meritorias, se iso cabe, as palabras de Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras, Pilar García Negro, Paulo González Mariña, Bautista Álvarez, Xesús Veiga Buxán, Suso Seixo, Camilo Nogueira, Antón Árias Curto, Antonio Oca Fernández, Carlos Mella, Francisco Rodríguez e Ana Miranda, nunha nómina que así figura na capa do libro por máis que no seu interior a orde é outra diferente nun tratamento individualizado aos entrevistados que vai precedido pola indicación lo lugar e data da realización da entrevista e co que, máis ou menos, aborda un temario básico común a todos eles sen interferir na consideración persoal que, o autor, respectou para afondar en cada caso particular. Estamos diante dun documento histórico que é retrato individual e foto colectiva do nacionalismo moderno. Patrimonio de memoria colectiva.

Palabra de patriotas

Te puede interesar