Palco galego na música celta

Rematado o período de verán, a música que invadiu ata o máis reducido curruncho deste territorio que habitamos, nos seus diversos formatos e propostas, entre os que nada ficou sen atender, agora diminúe o seu volume aínda que non se apaga; abofé que non, continúa e seguirá presente na proposta que debe configurar unha equilibrada axenda cultural. Porén, é tempo de ollar para o futuro, de planificar, programar e organizar as ducias de festivais que expresan a mostra dinámica dunha personalidade que, para alén da importación de ritmos e sons universais fóra da nosa tradición histórica, poñen acento na identidade propia e única da aposta musical galega á que estará dedicado o Festival Intercéltico de Lorient do vindeiro 2019, “Année de la Gálice”.
Esta cita cultural que anualmente, nos primeiros días do mes de agosto, congrega a preto de cinco mil artista, grupos, creadores e bandas dese mundo que expresa a riqueza musical das consideradas sete nacións celtas, está preto a cubrir os seus primeiros cincuenta anos de existencia; medio século que fai desta cidade a pioneira dos festivais célticos; entre os que tamén debe salientarse o consagrado encontro periódico na localidade galega de Ortigueira. Porén, o festival da Bretaña francesas é, pola duración temporal, a extensión dos escenarios nos que  se desenvolve a súa múltiple actividade; e, tamén, pola participación popular que se achega a cifras próximas dun millón de espectadores, sen dúbida a gran referencia internacional da música celta. 
Velaí a importancia que se presenta para a música galega á hora de seleccionar as proposta artística que integrarán a delegación que nos representará en Lorient, entre 2  e o 11 de agosto do próximo ano, colocada alí no palco de honra, á vista de todo o mundo pola súa transcendencia e pola información nos medios de comunicación, incluída a transmisión en directo nas cadeas francesas e internacionais dalgunha das actividades. Este festival que une a manifestación cultural de Galiza coa de Bretaña, Irlanda, Escocia, País de Gales, Cornualles, a Illa de Man e outros convidados ocasionais de múltiples e distantes territorios, achados polo planeta adiante, dentro da manifestación musical de raíz celta está aberto para o universo de todas a formas de música dos países celtas, dende cancións milenarias populares, rock, jazz e outras alternativas actuais.
Mais, é na música de base popular e tradicional na que é preciso afinar a selección das bandas de gaita e grupos folk para que resulten fieis á tradición dos “nosos propios e autóctonos matices e sinais de identidade como país e cultura de seu” porque toca ocupar o palco máis importante dos festivais da música celta, o do vindeiro Festival Intercéltico de Lorient.

Palco galego na música celta

Te puede interesar