O panorama musical galego

co noso país metido nunha dinámica de festa permanente, de tal xeito que non queda lugar ou curruncho algún que non teña celebración nestas datas estivais, e de darse unha circunstancia de ausencia esta sería unha anomalía digna de estudo antropolóxico; é útil saber dos números que configuran o panorama musical galego. Velaí o último documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega, publicado na súa web baixo o título de “A música en Galicia, 2017” no que presenta información relacionada coa actividade musical, estruturada en dous bloques que abordan a súa faceta clásica ou popular, con indicadores que falan do número de concertos, espectadores, recadación ou gasto medio por espectador.
Panorama, o presentado no estudo, entendido como “a paisaxe que se pode observar desde un punto de vista determinado”, e non na acepción de “visión total dunha determinada cousa ou circunstancia” toda vez que para a elaboración do traballo en cuestión tomouse como fonte a información reflectida no “Anuario das artes escénicas, musicais e audiovisuais 2016” da Sociedade Xeral de Autores e Editores, dado que sobre este asunto é incomprensíbel a inexistencia dunha estatística pública, a xeito de panel, proba da nula atención que se presta ao sector desde o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou desde a Consellería de Educación e Cultura, institucións responsables da xestión nos ámbitos da súa competencia territorial. Á procura do máximo rigor nas conclusións, os autores, mergullaron tamén noutras fontes, entre elas a das memorias da Orquestra Sinfónica de Galicia ou a da Real Filharmonía. 
Por iso, partindo dos datos interesados que se achegan na base da SGAE, o documento do Consello da Cultura diferenza dous bloques, seguindo a clasificación das diferentes disciplinas conforme co criterio da devandita sociedade. Aborda, primeiro, a música clásica que engloba a música sinfónica, a música de cámara, a música coral e a música de banda. No segundo dos bloques vai a chamada música popular, e dentro diso inclúese unha extensa listaxe na que destaca o pop-rock e a música folk. Compáranse datos do período que vai do ano 2010 ao 2015, no ámbito galego e na súa relación con conxunto estatal ou das outras autonomías.
Á vista das cifras é indiscutíbel que se produciu unha acusada diminución, tanto da actividade como do seu resultado, en espectadores e recursos acadados; froito do comportamento de institucións ou entidades patrocinadoras, moito máis notorio en relación á comparación cos outros territorios. Tamén do pouco significativo que é este panorama fronte ás avultadas cifras de negocio que se moven arredor das orquestras festeiras, non incluídas no estudo.  
 

O panorama musical galego

Te puede interesar