Panteón de músicos ilustres

Nas circunstancias dun confinamento social forzado pola extensión da pandemia dun virus que altera radicalmente as conmemoracións tradicionais que neste mes primaveral, con respecto a súa tradición natural de manterse unha vida normalizada, poñerían foco absoluto sobre o mundo do libro e da literatura, a comezar polo Día da Poesía, para continuar logo co da Literatura Infantil, poñer ritmo de festa grande na do Dia do Libro e dos Dereitos de Autor; e aínda máis, polo que a nós respecta, declarar mesmo xornada sen actividade laboral, agás os servizos e deberes ineludíbeis, á grande data das Letras Galegas; todas elas agora en situación de baixa médica por causa de accidente sanitario na súa percepción metafórica dunha epidemia que é ben grave. Si.

Daquela, coa licenza do mundo literario, lembramos ao universo da música galega no recordo do cento oitenta aniversario do nacemento de Xoán Montes, un compositor e mestre musical que de ter nacido fóra deste país, nalgún dos grandes lugares da creatividade melódica europea, con certeza sería recoñecido como un referente de primeiro nivel no canto de ficar relegado á modestia dunha localidade galega que, neste planeta chamado á creación de iconas simbólicas, limita absolutamente a percepción do valioso patrimonio que deixou para a cultura galega. Aquí, nesa cidade do rural galego, en menos de sesenta anos dunha curta vida en comparación coas medias actuais, Montes foino  todo:  Organista da catedral, creador do primeiro orfeón, fundador da banda municipal, pianista do Círculo das Artes; e, para alén diso, profesor dunha xeración que viviu nun tempo determinante. Todo iso, e moito máis aínda, cunha formación musical autodidacta unha vez que no Seminario no que fraguou a súa carreira  fose suprimida a cátedra de solfexo.

A súa popularidade póstuma, acentuada polo efecto de ser adoptada por unha manchea de grupos corais, bandas populares e artistas de renome, ten a ver con parte dunha composición titulada Baladas Galegas, seis pezas, na que se inclúe “Negra sombra” e outros dous temas máis tomados da obra poética de Rosalía de Castro; “Unha noite na eira do trigo”, de Curros Enríquez; e outros dous máis: Lonxe da terriña e O pensar do labrego.  Mais, a súa extensa obra de composicións musicais, inclúe a renomeada “Alborada galega” e unha infinidade de moitas outras propostas da máis variada melodía á que deben sumarse as de carácter relixioso, entre elas varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, invitatorios, himnos e motetes. Obra densa e múltiple. 

Por iso, xunto a Pascual Veiga, autor da música do himno galego; e Xosé Castro “Chané”, conforman un imaxinario “panteón de músicos ilustres”, do país, asumidos como base simbólica do relato da galeguidade a través da música para a Xeración Nós e o nacionalismo político. Porén, Montes Capón,  está a demandar un mellor recoñecemento institucional. Meréceo ben.  

Panteón de músicos ilustres

Te puede interesar