Patrimonio cultural, turismo e lecer

atrimonio, na súa acepción económica e xurídica, é o conxunto de bens, valores e créditos que unha persoa ou institución posúe, moitas veces recibidos por legado dos seus ascendentes. Se falamos de patrimonio cultural, daquela referímonos ao conxunto de testemuños que forman a herdanza cultural dunha comunidade, con recoñecemento oficial de tal condición; e dicir, os costumes, as tradicións, a paisaxe, a arte; e, de xeito moi especial, a súa lingua diferenciada. Con isto, vén incluído loxicamente o patrimonio de bens arqueolóxicos, históricos, artísticos, os de carácter natural e, tamén, os achados científicos. Somos usufrutuarios de bens que, na realidade, son propiedade colectiva dos que gozamos coa obriga de deixalos íntegros á descendencia futura. 
Porén, coidalos non é un valor que se destaque na actitude cívica; máis ben todo o contrario. Por acción, por omisión ou por neglixencia inescusábel, os estragos ao patrimonio están á orde do día. Certamente, a imaxe dunha manchea de persoas invadindo un afamado castro nas abas do Monte Santa Tegra, para facer uso del á hora de asentarse a xantar na romaría que anualmente ocupa o cumio deste monte é unha forte denuncia dunha situación que acotío suma desfeita. É un certo xeito de crueldade que soportaran os arqueólogos do mañá cando teñan que discernir entre os ósos dos primitivos habitantes que milenios atrás ocuparon esta paraxe, mesturados cos restos deste tecido conectivo que forma parte do churrasco, sexa de tenreira ou porco, devorado agora. 
Nese comportamento punitivo vai, tamén, a incualificábel actuación de quen foi responsábel da pintada na estatua da Catedral compostelá, rapidamente restaurada polo efecto publicitario da actuación sobre dun monumento que é referencia icónica do país; un suceso que levou aos representantes públicos, medios de comunicación e ámbitos da veciñanza a laiarse do feito, forzando así tanto a limpeza do monumento agredido como un chamado á instalación dalgunha medida de control e coacción para evitar novos episodios. Sen embargo, semella que estamos diante dunha situación na que hai patrimonio rico e patrimonio pobre. Para masas e para minorías. 
Velaí a xenerosa inversión de recursos que perante un decenio permitiron restaurar o renovado Pórtico da Gloria, proba de que a política de protección monumental potencia un modelo de conservación de monumentos destinado, de xeito indiscutíbel, á industria do turismo de masas. Así, o interese económico é o principio que rexe as estratexias de xestión do patrimonio; fronte ao modelo pioneiro daquel turista romántico que se topaba coas ruínas sen aditivos. É tempo de limitados monumentos coidadosamente restaurados, de foto para lucir nas redes sociais. O resto do acervo cultural e da nosa identidade patrimonial fica abandonado a súa sorte. Mágoa diso.   

Patrimonio cultural, turismo e lecer

Te puede interesar