Peregrinar polo signo do galo

Andan na veciñanza da comunidade chinesa, e tamén na dos países da súa contorna xeográfica, metidos nunha das celebracións propias máis agardadas: É o seu aninovo. Festa grande onde as haxa. Exhibición de foguetes que supera calquera proposta imaxinada polas empresas de pirotecnia que teñen o seu negocio aquí preto. Certo é que, á par que a pólvora, foi alí onde naceu este xeito de darlle luz á escuridade e facer do ceo nocturno a tea de pantalla para un verdadeiro xogo de sombras chinesas. Por iso, o ciclo luar é o que marca o seu singular calendario. Boa oportunidade en reparar na súa simboloxía e achegala á cultura europea necesitada de conquistar un novo socio relevante no panorama desta nova orde mundial que está a configurarse coa dinámica internacional emprendida, polo novo inquilino da Casa Branca, na vía ao descoñecido.
Velaí, a Lúa Nova do pasado 28 de xaneiro marcou a entrada no seu ano número 4715, conforme co seu xeito de medir o tempo, cifra que semella marcar a dianteira que nos levan en moitos ámbitos da vida; un  período que durará ata o 15 de febreiro de 2018, considerado como Ano do Galo de Fogo. Comparado co sistema da cronoloxía occidental resulta curioso, mais toca velo desde a opción por contar os períodos doutro xeito, relacionado cos ciclos luares e non co solar que caracteriza este noso, o almanaque gregoriano, aínda que este último estea máis estendido polo mundo adiante. Paradoxo é, a súa vez, que se chame “Festa da Primavera” a esta efeméride do aninovo oriental; outra forma de gañar a dianteira, aínda que non vai a cousa de meteoroloxía. 
Para alén diso, o signo do galo na astroloxía chinesa é o menos comprendido, o máis excéntrico e o máis intelixente. Caracterízase por pasear a súa dignidade cunha destacada elegancia persoal. Pola súa habilidade de canto é símbolo do amencer, do comezo dun novo día. 
Alegoría política dun tempo no que todo é atípico. A política económica da potencia capitalista por excelencia apostando pola vía do proteccionismo e a do considerado país comunista de máis grande dimensión territorial e humana, abandeirando a do libre comercio mundial. A dos Estados Unidos de América facéndolle as beiras á Rusia belixerante coa Unión Europea, en troques da presenza sobranceira do presidente chinés no Foro Davos, conclave das finanzas mundiais. Así, ese Galo de Fogo está sinalando a rota a peregrinar neste tempo de balbordo e desconcerto. 

Peregrinar polo signo do galo

Te puede interesar