A poeta que viviu nas marxes

Casual coincidencia, ou non, derivada da atípica xestión neste tempo de pandemia vírica, na mesma data dese fenómeno da lotaría do Nadal que ocupa con obsesión enfermiza practicamente todo o espazo nos medios de comunicación, a decisión da Real Academia Galega acordando dedicar o Día das Letras deste próximo ano, 2021, a Xela Arias, relevante autora de traballos de creación poética, publicados e mesmo inéditos, con outras achegas á cultura literaria galega especialmente no eido da adaptación lingüística de obras orixinais noutros idiomas por ela traducidos á nosa lingua, é máis que notoriamente merecente e reiteradamente reclamado como acto de xustiza non só para súa obra vangardista e rompedora, senón que tamén como xeito de divulgación do traballo das mulleres na literatura do país,  cousa non frecuente na escolla da RAG.

Debe lembrarse que, como foi no precedente de María V. Moreno, xa foi conmemorada no Día das Galegas nas Letras, celebrado por esa plataforma de crítica literaria, en clave feminista, que coñecemos por A Sega, organizado anualmente para denunciar a invisibilidade da muller e amosar un panorama literario máis equilibrado. Para elas, as segadoras, “Xela foi poeta, tradutora, editora. E viviu sempre nas marxes”, por iso consideraron daquela que “é hora de cambiar moitas dinámicas, non só institucionais, senón tamén na sociedade”; porque “xa abonda” de omisión. 

Secasí, os académicos da RAG nesta tardía xuntanza decisoria, pecharon de vez a porta para dar continuidade á divulgación e honra de Carvalho Calero, malia a petición dunha manchea de asociacións, entidades culturais de base e relevantes persoas do mundo cultural, que pedían reparar a traumática consideración da que foi obxecto por causa das incertezas, mudanzas e turbulencia na difusión pública que causou a situación de anormalidade do contaxio vírico e as súas consecuencias que aínda perdurarán nos vindeiros meses. Se o autor de Ferrol é incómodo para boa parte dos e das titulares numerarias que teñen o poder de escolla na sesión plenaria; a figura de Xela Arias non leva unha traxectoria de moito afecto, mágoa é que non, até agora polo menos. Máis aínda, na comunicación do acordo indícase que esta autora, nacida en Sarria e morta de xeito prematuro en Vigo con só 41 anos, “formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”.  Si, engádese que “o seu é un nome que se pronuncia sen xeración” porque é unha desas voces singulares e inclasificables, unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea “transgresora, sincera e comprometida”. 

Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario, e outros títulos; en obra individual ou colectiva. Xela Arias, a “escachadora de palabras”, na senda docente do seu pai, Valentín, é moito máis que poeta, editora e tradutora.  Boa ocasión para poñer en valor o seu legado cultural. Abofé.

A poeta que viviu nas marxes

Te puede interesar