A PRIMAVERA DAS LETRAS

A primavera suma un marcado atributo cultural á función de ciclo estacional na natureza ou á peculiar forma de asaltarnos coa súa meteoroloxía cambiante. Tamén representa una certeira metáfora de transformación, cambio e mudanza da escuridade invernal cara espazos de luz. Por iso, o refraneiro asegura que a primavera, o sangue altera. Porén, é no mundo da letra impresa, no ámbito da literatura, o lugar no que se manifesta de xeito máis intenso ese empuxe.
Non é de estrañar que nestes meses do ano concentremos as máis importantes datas de conmemoración do universo dos libros. A comezar pola celebración do día da Literatura Infantil e Xuvenil que desde 1967, cada 2 de abril, lembra o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor que é parte fundamental dos relatos que nos iniciaron á lectura de nenez. Certo é que a efeméride vai adaptándose ás decisión da industria do libro en cada país, razón pola que no Brasil a cita é o 18 deste mes, data na que naceu Monteiro Lobato, autor ao que honran así.
Preto a nós, en Pontevedra, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil mantén aberta a súa porta no Pazo de Cultura ata o 23 de abril. Esta edición que chega ao número 17 da serie, abriu o día 1, baixo o lema “Canta bichería” convertendo aos animais nos protagonistas do evento: “domésticos, salvaxes, polares, nocturnos, acuáticos. Formigas, osos, cans e paxaros. De todas as partes do mundo, dos ecosistemas coñecidos e por coñecer. Reais ou fantásticos”.
O acontecemento literario da cidade do Lérez enlaza coa conmemoración do día do libro que arrancou fai noventa anos xa para lembrar a morte, nun 23 de abril, de relevantes autores da literatura universal, especialmente de Cervantes e Shakespeare. Certo é que no caso do último a utilización de diferentes modelos de calendarios non asegura a certeza do feito sinalado. Da igual. A Conferencia xeral da UNESCO escolleu esta data para render homenaxe mundial ao libro, aos seus autores, e promover entre todos, especialmente na xente moza, a utilización do libro como fonte de coñecemento, ámbito de liberdade, progreso social e cultura activa.
Aínda máis, tamén é primavera o 17 de maio, festa grande das Letras Galegas chamadas a divulgar a obra de compromiso co país que foi construíndo, teimosa e incansabelmente, Manuel María a favor do patrimonio literario e idiomático colectivo da identidade cultural galega. 

A PRIMAVERA DAS LETRAS

Te puede interesar