Química coa nosa lingua

Temos química coa nosa lingua” é o título do manifesto elaborado polas mozas e mozos do último dos cursos de secundaria dun instituto de ensino, o de Carral, gañadores dun dos concursos que conforman o programa do Correlingua deste ano. O do discurso que marca o inicio de todas as festas finais que se veñen desenvolvendo polas localidades galegas máis relevantes nestes derradeiros días, co remate en Pontevedra o 16 de Maio. Un texto creativo e orixinal a favor do galego que integra os elemento da táboa periódica coas reivindicacións a prol do uso do noso idioma por todas as persoas en todos os contextos. Súmase no seu contido á esencia do lema que mobiliza á rapazada escolar polas rúas, detrás da pancarta que di: O galego é a fórmula. 

O alumnado, autores do manifesto, fan memoria do feito histórico que “hai 150 anos o ruso Mendeleiev presentou unha táboa periódica que se converteu no corazón da Química. As galegas e os galegos somos os elementos da nosa táboa periódica, a nosa lingua”. Por iso, os símbolos químicos e o noso idioma van xuntos nunha dupla reacción científica e lingüística; apelando á metáfora da semiótica que nos fala da profunda afectividade que se produce nas relacións humanas, especialmente de parella, cando se dá unha comuñón de sentimentos sublime: “Berrade con nós e ben forte, que se nos escoite, o galego é a fórmula e nos somos o elemento”. 

Berro xuvenil a favor do dereito a coñecer, saber e aprender ciencias en galego, unha condición básica da xustiza universal, negada polo Decreto de Plurilingüísmo, vixente dende que en 2010 fora aprobado polo actual Goberno da Xunta, que impide o ensino no noso idioma das materias de ciencias, entre elas Física e Química, cinicamente apropiadas nunha recente publicación da Táboa Periódica, edición en galego con distribución de milleiros de exemplares á comunidade educativa e científica, por conta da mesma Secretaría Xeral de Política Lingüística promotora do texto legal que furta a súa didáctica na lingua propia do noso país. Escarnio, mofa e sarcasmo.

Cantalingua é outro programa desta iniciativa de A Mesa, AS-PG e CIG Ensino, destinada a sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia no uso, normalización e defensa da lingua. Unha achega, con son actual, que trae ritmo con letra e compromiso, simbolizados nun himno que manifesta “a miña boca non se equivoca”: Alimenta ao planeta, boura polo vento, a lingua galega non se aguanta nos museos. Porque “eu quero ir polo mundo, mais por un mundo diverso, onde cada persoa pouse o poder do seu acento”. Daquela: Fala galego, non pares. Fala galego, non cales.

Química coa nosa lingua

Te puede interesar