A rebelión da Filosofía

Máis de oito mil persoas asinaron a Iniciativa Lexislativa Popular que procura un acordo político do Parlamento galego a favor de manter á Filosofía como materia didáctica de obrigada inclusión no cadro do segundo curso de bacharelato, e non só como alternativa opcional; excluída polo efecto colateral perverso da LOMCE. Outras once comunidades do Estado están a marcar o camiño, mantendo a Historia da Filosofía como disciplina troncal, facendo uso da súa autonomía no ámbito da administración educativa. Aquí, entre nós, está en xogo o valor pedagóxico que dá esa “ciencia universal que reflexiona dun xeito racional e crítico sobre a natureza do mundo, a xustificación da crenza e a condución da vida, e que dá lugar a un conxunto organizado de verdades que se refiren á esencia das cousas”. O poder sabe que “pensar é un estorbo”, malo para o seu negocio.

Coa reivindicación, empurrada por esta ILP, foi configurándose un movemento popular de rebeldía fronte á concepción dun proxecto educativo fundamentado en criterios de mercado, afastado do obxectivo de formar persoas con capacidade de reflexión analítica. A criterio dunha opinión experta “as exixencias da economía sitúanse no centro da vida individual e colectiva santificando determinados valores como a eficacia produtiva, a competencia feroz, o individualismo, a mobilidade persoal, afectiva e mental así como o éxito e o enriquecemento a calquera prezo. Aínda que os deseños curriculares se formalizan nos ministerios ou nas consellarías de educación o guión para esta elaboración procede dos ámbitos de poder financeiro e das grandes institucións económicas ou empresariais”.

Nese cadro a filosofía resulta incómoda; faise sospeitosa e molesta sendo un atranco á hora de acentuar e magnificar o técnico, o práctico, o aplicado de inmediato. Porén, “se renunciamos a unha escola que forme no humanismo, rematará por espertar o monstro que encamiña á barbarie”, certeira reflexión de Xabier P. Docampo.  

É, por iso, polo que as redes sociais “chían pola Filosofía” nunha amábel campaña de extensión social na que, en palabras do grupo animador, o debate que se está a dar “non é sobre unha disciplina máis o menos no ensino, senón sobre que tipo de ensino queremos” no que se botamos fóra, ou limitamos a un plano residual, o “pensamento crítico” cométese un grave erro.  Moito máis se ollamos para o novo paradigma da chamada Intelixencia Artificial, ou non humana, que dende os icónicos centros de xestión das tecnoloxía do coñecemento están a valorar a incorporación fundamental das achegas nas materias de humanidades á ciencia emerxente e de futuro. Mira ti por onde, a Filosofía “dálle ao alumnado ferramentas para moverse por este mundo cambiante”.

 

A rebelión da Filosofía

Te puede interesar