Rebelión polo Medio Ambiente

on falta moito xa para acadar o fito histórico do medio século da certeira iniciativa acordada pola Organización das Nacións Unidas, declarando o 5 de xuño como Día Mundial do Medio Ambiente; e non para festexar o bo estado deste ámbito fundamental da natureza neste mundo chamado Terra, senón para todo o contrario: Petar na porta da responsabilidade institucional dos gobernos de quenda e da cidadanía que conforma a sociedade humana a prol da súa preservación ou máximo coidado. Porque “a variedade de alimentos que comemos, o aire que respiramos, a auga que bebemos e o clima que fai posible a nosa vida no planeta, non existirían sen os servizos da natureza. Por exemplo, cada ano, as plantas mariñas producen máis da metade do osíxeno da nosa atmosfera, e unha árbore é capaz de limpar o noso aire absorbendo vinte e dous quilos de dióxido de carbono e liberando osíxeno a cambio. A pesar de todos os beneficios que nos brinda a nosa natureza, aínda a maltratamos, por iso necesitamos traballar nela”. Son razóns enumeradas pola entidade promotora, a ONU, para subliñar a necesidade imperiosa da “hora da Natureza”.
Agardemos que as árbores non impidan ver o bosque ou a fraga, expresión popular que é metáfora acaída para este tempo de noticias centradas na pandemia vírica que pon foco de luz imperceptíbel sobre outros asuntos e, mira ti por onde, é precisamente o xurdimento deste Covid-19 o que puxo en evidencia que cando destruímos a diversidade biolóxica destruímos o sistema que sustenta a vida humana producindo esa transmisión infecciosa de “coronavirus” de animais a persoas humanas, un andazo que afecta habitualmente a millóns de persoas con efecto de morte para milleiros delas que, nesta pandemia campante polo mundo adiante, leva unha clara mensaxe de alerta vermella para a especie sobre a diversidade biolóxica e a súa conexión co ser humano.
Tomemos boa nota: A diversidade biolóxica é a base que sustenta toda a vida na terra e debaixo da auga de mares e océanos. Ten relación con todos os aspectos da saúde humana. Proporciona auga e aire limpo, alimentos nutritivos, coñecemento científico e fontes de medicamentos, resistencia ás enfermidades naturais e mitigación do cambio climático. Mudar ou eliminar un elemento nesta sofisticada rede biolóxica afecta a todo o sistema de vida e poder ser causa de se producir consecuencias irreparábeis. Por iso, a deforestación, a invasión de hábitats de vida natural, unha agricultura intensiva e a terríbel aceleración do cambio climático, teñen alterado o delicado equilibrio do medio natural. Así, de non adoptarse políticas reparadoras contundentes baseadas en criterios científicos, imos camiño de colapsar os sistemas alimentarios e de saúde.
É momento de rebelarse, de asegurar a nosa supervivencia futura, de atender ao simbolismo que deu título a obra literaria do pasado premio Pulitzer de ficción: O clamor dos bosques. De sumarnos á iniciativa, ben atinada, do Movemento Galego polo Clima. Porque aínda é primavera.

Rebelión polo Medio Ambiente

Te puede interesar