Refugallos que estragan o patrimonio natural

Non sempre é certo que dúas noticias colocadas xuntas, aínda que nelas exista un fío condutor común, permiten entender mellor unha cousa. Por veces, é todo o contrario. Vexamos. A boa nova chega da iniciativa do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que vén de colgar na web unha nova guía turística, de balde e con formato que pode baleirarse á computadora, co título de “Patrimonio Natural, Paraíso Terreal” (Espazos Naturais da Eurorrexión). Boa nova, tamén é para alén do fondo da cuestión medio ambiental, saber que a mobilización dunhas seiscentas persoas exercendo un labor de voluntariado ecoloxista por todo o país, retiraron preto de seis toneladas de refugallos guindados aos ríos galegos, no marco dunha convocatoria incluída no Proxecto Ríos.
Velaí, esta publicación bianual do Eixo que difunden “conscientes da riqueza natural e patrimonial” deste territorio que vai do galego Cabo Ortegal ata as ribeiras do Río Douro portugués, habitado por máis de sete millóns de persoas que ollarán aquí difusión “da nosa rica e variada” alternativa de destinos para ser utilizados no lecer, aproveitando especialmente esas cincuenta e dúas fins de semanas que nos trae cada ano, “porque o turismo é diversión e coñecemento, pero tamén riqueza e desenvolvemento económico e, por tanto, creación de emprego para fixar poboación en territorios de baixa denwsidade, que teñen riqueza para que a xente viva dela e non se teña que marchar, pero moitas veces descoñéceo. Ou polo menos descoñéceno os seus potencias visitantes”.  Sabias palabras que forman parte do limiar que nos asignan as autoridades do ente.
Por iso, coa última limpeza simultánea dos ríos galegos, na súa edición número once que trae lembranza de traballo teimoso, retirando refugallos de ríos pequenos e grandes por ribeiras que acadan territorio de cincuenta e tres concellos; é “concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados”, e deste xeito sumar riqueza e aproveitamento turístico singular. Botellas, garrafas, bolsas, sacos e outra variada caste de plásticos, sumada ás rodas de automóbiles, cascallos, ferralla, pilas, electrodomésticos e unha manchea de variacións de lixo, coa pegada especial das toalliñas húmidas, non é compatíbel co rico patrimonio da natureza.
Este logro novamente acadado polas persoas que forman o Proxecto Ríos, nacido fai máis dunha década da man de ADEGA co obxectivo de “divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e aportar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos”, non chega por si só. É preciso unha decidida política de Augas que poña freo de vez ao estrago que representan os refugallos en ámbitos fluviais e marítimos para ser o “Paraíso Terreal” que cobiza o Eixo Atlántico.

Refugallos que estragan o patrimonio natural

Te puede interesar