Relato sociolóxico na ollada dunha vaca

Memorias dunha vaca marela é o título da última obra publicada por Alfonso Eiré que, para alén de ser un magnífico relato de ficción, é un verdadeiro tratado de etnografía sobre a relación que perante séculos existiu, no mundo rural galego, entre o ser humano e o gando que lle fornecía a súa alimentación e sustento económico; de tempos nos que existían vacas en cada casa, mesmo sendo parte da familia. Tamén é unha certeira análise sociolóxica sobre o proceso de mudanza e indiscutíbel declive das aldeas do país, contando a transformación dunha explotación gandeira, que vai desde a corte a unha moderna instalación para tratar ás reses, desde a economía de subsistencia á explotación industrial, desde o traballar con vacas xunguidas ao carro e ao arado, ao tractor con aire acondicionado e música estereofónica; desde a harmonía familiar á traxedia. 
Esta novela, editada por Hércules, é tamén un inventario de acontecementos políticos e sociais que teñen por cerne o mundo agrario na comarca chantadina que forneceu de “experiencias, emocións e vivencias de infancia” ao autor que sitúa boa parte da súa obra literaria nesta paraxe da ladeira esquerda do Río Asma, silandeiro afluente do Miño ao que aborda nos pagos da Ribeira Sacra para transformar as praderías en viñedos e rotas turísticas de éxito mundial. 
Velaí á Cachorra, “unha vaca, mais non unha vaca calquera, senón unha vaca marela, unha rubia galega, unha vaca da casa”; a derradeira que ficará na explotación entre as herdeiras dunha vella estirpe de vacas de raza, a única que resistirá en toda a contorna; repasando na súa memoria os días que foi obxecto de foto e trofeo no Folión de Carros ou no Concurso de Gando do País e Frisón. Unha visión histórica da traxectoria pasada e sobre o futuro da política agraria previsíbel.
A intelixencia de Castelao, sentenciou: “O día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida. A árbore xenealóxica dunha vaca leiteira é máis útil cá dun aristócrata”. Saben ben diso os hindús que honran ás vacas como animal sagrado, símbolo da fecundidade e da maternidade; protexidas por lei para evitar que sexan amoladas. Tradición bimilenaria xurdida da necesidade de conservar á especie, gravemente reducida pola transformación de terras de pasto noutras de cultivo; asegurando así o valor do seu leite. Sen ir tan lonxe, Pucheiro fai xustiza á reivindicación do recoñecemento da cultura rural, incluíndo nela ao sistema de humanización na relación entre persoas e animais domésticos. Suma esta obra na liña de “Eu tamén fun coas vacas”, da súa autoría; á de “Un millón de vacas”, de Manolo Rivas; ou “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas. Libros esenciais para entender o noso ADN.

Relato sociolóxico na ollada dunha vaca

Te puede interesar