Requisitoria de tratante

Meu Deus, líbrame dos amigos que dos meus inimigos xa me encargo eu. Velaquí unha expresión que, sen moita garantía de verdade, vén sendo atribuída ao poeta, ensaísta, dramaturgo, filósofo e historiador francés que coñecemos polo pseudónimo de Voltaire. Fose dita por el ou non que para o caso dá igual, resulta moi acaída para situar a lóxica do interese europeo fronte ao discurso do presidente americano na última cimeira da OTAN na que, co seu peculiar estilo pouco dado á linguaxe diplomática do politicamente correcto, veu en deixar claro que “amiguiños si, mais a vaca polo que vale” que para si é “máis gasto en defensa”; e dicir, máis negocio para a industria deles. 
Esa é, non outra, a razón de fondo que se agocha detrás do estilo matón, propio dos mafiosos que antano operaron no barrio da Nova York do que tirou beneficio persoal coa empresa construtora da familia: Douche a miña protección en troques de que pagues por ela; non vai ser gratuíta. 
Forxado nese ambiente cultural, a súa andaina política é un chanzo no que continúa co estilo do tratante, sempre o negocio por diante. Linguaxe consecuente ao modelo, non dixeríbel para todos os estómagos de sutileza eufemística que son idénticos no fondo, porén diferentes na forma de expresar, máis cargada de retórica enigmática. O inquilino da Casa Branca vai directo: Quero socios que gasten ata o catro por cento do produto interior bruto en armamento; investimento que, na súa lóxica mercantil, irá parar á industria bélica americana. Máis aínda, recadiño especial para a chanceler alemá: Non vou tolerar que se merque o gas ruso, no lugar do estadounidense, por moito que resulte máis barato, lóxico pola proximidade e mesmo operado por empresas teutoas. 
Neste ambiente nada amigábel, co fondo aínda agravado da belixerancia comercial aberta en contra do interese europeo, cabe preguntarse polo sentido actual que realmente ten a vixencia institucional, política e mesmo operativa desta Alianza do Atlántico Norte que simplificamos no acrónimo OTAN. Se xa non tiña moita razón de ser como fronte de reacción ao chamado Pacto de Varsovia, aínda é menos unha vez desaparecido este; certamente ningunha. É tempo de tecer novas relacións no ámbito planetario, rachar coa dependencia abafante dos Estados Unidos. É hora de orientar o gasto á política social, á economía do coñecemento ou á creación de emprego. Enfrontarse á requisitoria americana.

Requisitoria de tratante

Te puede interesar