miércoles 20/1/21

Ríos que son frade, nacendo bispo

Sen dúbida algunha, a auga é un elemento omnipresente no territorio galego. Non se podería entender a configuración da nosa xeografía nin o poboamento do territorio sen contar coa súa abondosa presenza. Ese fundamental elemento da natureza, a través do mar e dos ríos, determina as paisaxes e foi modelando a figura da terra no seu transcorrer perante a infinita conta dos tempos xeolóxicos para dotar dunha personalidade que outorga identidade colectiva a partir da propia singularidade dun panorama ambiental que non ten parangón en curruncho alleo. Daquela, é xusto afirmar que o nome poético de Galiza, “país dos dez mil ríos”, queda curto porque na realidade son moitos máis. No mapa, eses ríos, forman un labirinto fantástico, a xeito de rede neuronal que expresa esa interminable sucesión de pequenos vales que forman o quebracabezas inmenso do atlas galaico, sempre percorrido por múltiples regos, regatos ou ríos.

 Asociado aos ríos existe un patrimonio cultural de muíños, batáns, ferrarías, lavadoiros, pesqueiras, presas, represas, canles laterais, pontellas, pontes históricas, embarcadoiros para o paso das barcas e, nas súas marxes, fábricas para o aproveitamento dos recursos da auga, fortificacións para a defensa dos pasos naturais, como parte dun patrimonio non sempre recoñecido que, velaí no exemplo comarcal da Ruta da Pedra e da Auga, é recurso económico.

Por iso, é moi atinado e culturalmente útil o libro titulado “A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos”, que vén de presentar o Consello da Cultura Galega, traballo da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, coordinada por Carlos Nárdiz. Duascentas páxinas que están ao servizo da comunidade cidadá interesada na web da institución, de balde para ver ou descargar. É unha publicación que “recolle unha serie de relatorios que ofrecen unha nova ollada sobre o territorio a partir de diferentes experiencias relacionadas cos espazos naturais e a súa conexión por corredores fluviais e infraestruturas verdes”. Un texto dividido en dous bloques. No primeiro, céntrase no patrimonio cultural e na paisaxe do ríos, a partir de achegas con experiencias fóra do territorio galego, que procuran dar a coñecer as estratexias adoptadas noutros casos, válidas para a nosa propia realidade e retos de futuro. Mágoa é que eses traballos, sen tacha no seu contido, non fosen adaptados ao galego para alén do idioma no que orixinalmente foron redactados. Porén, laio idiomático aparte, a súa integración no documento final é relevante. A partir deles, na segunda parte do libro, búscase poñer en valor o patrimonio dos ríos galegos cun rigoroso inventario da súa situación, traxectoria, uso social e degradación.

Si, degradación inquietante de agresións aos bens naturais e etnográficos, por causa de interese mercantil, que tivo o seu cénit na seca forzada dunha das zonas húmida de mor dimensión peninsular ou nos encoros. Ríos que hoxe son frade, nacendo bispo. Aprema mudar a desfeita.  

Comentarios