Rosalía, refacho que abre fiestras

Rosalía de Castro, pronta a expirar no leito de morte, díxolle a súa filla: “Abre esa fiestra que quero ver o mar”. Mais non é posíbel ollar para o mar dende a Casa da Matanza, ao carón da estación de tren padronesa. Non. Porén, nos últimos minutos de vida, a nosa escritora nacional con certeza lembrou o tempo de esperanza que depositara, meses antes, na estadía en Carril, á beira desta ría que se deita en Cortegada, teimosa na súa loita contra o maldito cancro, patoloxía naquela altura histórica sen cura posíbel. A voz independente e rebelde, bandeira e símbolo das mulleres galegas silenciadas, deixou coas súas derradeiras palabras alegóricas á necesidade de deixar entrar ar, unha metáfora que é berro pola igualdade, pola liberdade e pola emancipación.
Por iso, cada 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, celebramos o Día de Rosalía de Castro por iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, seguidos por unha manchea de institucións académicas e sociais coa proposta á cidadanía para que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da xente, e moi especialmente pola comunidade educativa. Conmemoración que non é festa baldía se non que busca a reflexión, orientada por un manifesto que sitúe á autora de “Follas Novas” nos tempos de hoxe en día.
Velaí, da pluma de María Reimóndez, o manifesto puntual da AELG afirma que “ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir fiestras para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces”. Sen dúbida, un refacho mariñeiro. 
Porque en todos os recunchos galegos “hai rosalías que cantan e falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama. Rosalías saíndo a rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade,  o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro”.  Rosalía de Castro é un mundo que está por facer. Abramos a fiestra. 

Rosalía, refacho que abre fiestras

Te puede interesar