A roseira devastada pola barbarie

A boa nova cultural chega en formato de libro, rematado de saír do prelo editorial, baixo o título de “La primavera rota” co que Marcelino Abuín aborda o tempo político, económico e social que se viviu en Vilagarcía de Arousa, entre 1936 e 1941. É un ensaio no que, en todas e cada unha das 350 páxinas, amosa rigor extremo na exposición literaria con datos acumulados perante décadas en multitude de arquivos, bibliotecas, intercambio de correspondencia, relato oral e aínda outras fontes documentais que fornecen de metodoloxía académica e solidez ao traballo. Convértese nunha publicación imprescindíbel para poñer luz e verdade sobre feitos, lugares e datas; e darlle nome e voz ás persoas que sufriron aldraxe, persecución ou morte. E, tamén, dos seus verdugos.
Esta nova obra de M. Abuín Duro é o segundo dos tomos cos que radiografía a transformación producida en Vilagarcía, e na súa contorna, perante anos decisivos da primeira metade do século pasado; de xeito que é fundamental a lectura da anterior, “La conquista de la República (Vilagarcía de Arousa, 1920-1935)”, para un mellor aproveitamento do coñecemento que nos aporta esta que agora ve a luz. Aínda así, esta última é dabondo suficiente para afondar nesa etapa que media entre o inicio dos procesos electorais que achegaron esperanza nun futuro máis xusto e igualitario, con autonomía para os galegos, ata que todo mudou de raíz para entrar na longa noite de pedra que veu precedida de crimes de lesa humanidade, xenocidio e infamia. 
O autor contextualiza os acontecementos locais no marco da dinámica estatal, galega e provincial para comprender a coherencia do acontecido no ámbito dun proceso de golpe militar calculado, programado e finalmente executado baixo unha orientación represiva, declarada e documentada: “Se tendrá en cuenta que la acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible al enemigo, que es fuerte y bien organizado. Desde luego serán encarcelados todos los directivos de los partidos políticos, sociedades o sindicatos no afectos al movimiento, aplicándose castigos ejemplares a dichos individuos para estrangular los movimientos de rebeldía y huelga”. 
Por iso, sostén o autor que “a morte, o medo, o terror… provocaron multitude de vítimas, de moitos tipos. Paseados, fusilados, torturados, encarcerados, fuxidos… todos conforman unha nómina longa de persoas obxecto dunha represión cruel. Tan estendida foi a represión que cabe preguntarse se non é Vilagarcía, no seu conxunto, a vítima auténtica. Cónxuxes, pais, irmáns, fillos.. pola localidade esténdese unha densa rede de medo da que só se podía saír co silencio ou coa fuxida fóra, ao estranxeiro”. Sobre o medo constrúese un poder político; que non é novo, non. 
Texto, fotos, documentos e apéndices de memoria para saber da historia próxima. Necesario. 

A roseira devastada pola barbarie

Te puede interesar