Sartegos de memoria e identidade

ovamente, na celebración do Dia dos Defuntos, a parroquia dos mortos, metáfora asentada na memoria familiar e colectiva, dende o seu espazo simbólico no curruncho territorial dos cemiterios, reclama o seu dereito a ser respectada no coidado e preservación do patrimonio cultural e lingüístico que legaron á parroquia dos vivos: O idioma galego que nos outorga personalidade e identidade propia. Por iso, celebramos a boa nova dunha iniciativa, unha máis entre as que afloran polo país adiante dende fai varios anos nesta efeméride relixiosa, ao tempo que cívica, impulsada por unha moi recoñecida entidade de funcionarios comprometidos na causa da normalización do noso idioma que busca estender o uso da lingua propia no campo funerario promovendo a conmemoración do “Día da restauración da memoria lingüística de Galicia” a partir dun simple e moi modesto acto: Lembrar, no nome da veciñanza dun concello responsábel, cunha placa pendurada no muro do cemiterio de calquera camposanto do mudo rural que “con agarimo e agradecemento recordamos aos nosos maiores porque nos criaron, viviron e morreron en galego”.
Á par diso, e no mesmo campo simbólico de alegoría que busca modificar os hábitos rutineiros que foxen do idioma propio á hora de instar ás empresas do sector funerario e afíns a ofrecer os seus servizos na lingua do país para que toda a cerimonia do enterramento respecte a nosa lingua, vén publicando unha colección de libros titulados “En galego, agora e sempre”, que recollen modelos de mandas testamentarias na que se lles encomenda aos beneficiarios da herdade a defensa do patrimonio cultural e lingüístico, como un legado inmaterial que deben conservar no futuro. Un mandamento, polo que se pide dos descendentes herdeiros que “aquilo que con paixón e orgullo herdei dos meus pais e avós, galegos de cerna que mantiveron viva a riqueza dos nosos costumes, que mimaron as paisaxes poñéndolles nomes a cadanseu anaco de terra, que requeceron o noso cancioneiro musical e que plantaron arbores que aínda dan froitos e sombra nas nosas herdades. Gustaríame ser recordado nas verbas da nosa fala, polo esforzo persoal en manter en pé o noso patrimonio familiar e polo coidado respecto que sempre tiven pola diversidade. Pídovos que eduquedes aos vosos fillos ou fillas no amor a nosa lingua, para que nela vivan e expresen o seus sentimentos, utilizando acotío nas relacións sociais e nas súas actividade profesionais. Pídevos se for posíbel que celebredes todos os anos unha xuntanza familiar para renovardes o voto permanente de galeguidade que non é outro que o amor a Galiza, estimulando dese xeito a defensa do legado máis prezado que podo deixar: A lingua galega”.  
En cada sartego, alén dos ósos da persoa finada, gárdase un tesouro de memoria e patrimonio que peta na responsabilidade dos vivos para que sexan continuadores da historia colectiva que deu identidade cultural propia ás persoas alí soterradas. Cúmprase a vontade dos devanceiros. 

Sartegos de memoria e identidade

Te puede interesar