O SEGREDO DO HUMOR

Se se pensa en Valle Inclán, en Xulio Camba, en Castelao e na ascendencia galega de Cervantes e de Eça de Queiroz, case que os únicos humoristas peninsulares, pódese chegar a sospeitar que o humor debe ter algo que ver co alma galego-portuguesa”. É afirmación de Celestino Fernández de la Vega, mestre lucense nun tempo de sombra, do que se conmemora o centenario do nacemento. O seu ensaio “O segredo do humor”, publicado fai cincuenta anos, é unha obra de culto non debidamente considerada no ámbito intelectual galego que perdeu a oportunidade de recibir xustiza ao negar, a RAG, dedicarlle o próximo Días das Letras. Cilistro, como era coñecido polos amigos, non entrou a considerar o papel de certos políticos como achega fundamental á causa do humor. Vítima da longa noite de pedra imposta a sangre e terror por un emigrado de Ferrol, con domicilio no Pazo do Pardo de Madrid, que de galego só tiña a data e lugar de nacemento; non sabía ben do que é capaz un paisano cando toca poder. Velaí está o caso de Mariano Rajoy, outro nacido aquí que despreza a fala dos seu devanceiros, nun papel de xestión que precisa dun acentuado sentido do humor para comprender a súa actuación, ou a falta desta. A xente non lle colle o fío retranqueiro ao Presidente, non. Porén, habelo débeo haber. Claro é, aquí padecemos o negativo resultado das súas políticas. Os que sofren as consecuencias do paro, o retroceso nos servizos públicos, o empobrecemento acusado ou o efectos das reformas laborais, non están para moitas lerias. Por iso, cando afirma que “España está medrando máis que os seus socios europeos e ten botado as raíces para que siga así no futuro” non se repara nese delator tic que fai cos ollos virados, típico dos actores do Club da Comedia. Xeito de conto chinés, que agora está a probar no mesmo territorio da denominación de orixe, unha vez eliminada a Lei de Xustiza Universal, agasallada como presente para que lle abriran a porta. Humor e maxia oriental co aumento do PIB, en miles de millóns, ao incluír nel prostitucións, tráfico de drogas e contrabando. O milagre da multiplicación virtual. Enredo infantil á vista do panorama que deixa aquí: cabreo e dimisións na parroquia, co Bispo de Alcalá afirmando que é “servo do lobby LGBT”. Para sorrir.  

O SEGREDO DO HUMOR

Te puede interesar