A semiótica do Entroido

Puntual como cada ano, ás portas da Coresma, chega a festa do Entroido. É, con certeza, unha das celebracións que máis interese antropolóxico ten suscitado pola enorme riqueza, variedade local e valor patrimonial do simbolismo da súa expresión.

Trae un grande abano de mostra visual e significación cerimonial que é metáfora, compendio sociolóxico e auténtico vademecum de semiótica á hora de tirar lección da tradición histórica e da resistencia fronte á invasión da moda foránea que nos chega coa evolución deturpada do vello “carnevale” italiano, hoxe en día icona da esmorga veneciana,  herdeiro probabelmente das saturnais romanas ou da festa das Kalendas.

Porén, a enigmática e aínda desconcertante orixe real do festexo foi agrandando coa achega do matiz local que mesmo leva a Real Academia Galega a recoller ata seis formas para referirnos a este período do ano que cae entre febreiro e marzo en que as prazas, rúas e corredoiras do país se converten en esmorga sen fin, ateigadas de disfraces e de moita algueirada, trouleo e foliada. 

Obvio é que, na súa traxectoria milenaria, vai pegado á peculiar permisividade da institución católica, considerando que “a cultura popular era poderosa mentres que a oficial e relixiosa máis feble, polo que, con fins propagandísticos a igrexa facía cadrar as súas festas con aquelas que fosen pagás co único fin de intentar cristianizalas”. As festas populares nas que a risa, a burla ou a pantomima, eran elementos esenciais, foron consideradas como cousa demoníaca e o rezo, o recollemento, a oración e o arrepentimento como fieis ao Deus. “Estas premisas marcaron a concepción filosófica dos primeiros tempos da igrexa medieval, e en canto, comezou a considerar como unha segunda natureza humana, estas manifestacións de desafogo, ata o estamento relixioso chegou a asumilo no contorno do seu propio ritual, permitindo pois estes excesos en determinadas datas do ano co único fin de erradicalo aos poucos, e así desta forma os mesmos relixiosos, conscientes do seu papel transformador, contribuíron á súa expansión baixo novas formas, potenciadas por eles. Así chegaron a recrearse situacións xocosas e satíricas de paisaxes bíblicas e de libros relixiosos, xustificándoas baixo a premisa desa outra natureza humana”. 

Velaí, aínda fican entre nós, nas “letanías” do enterro da sardiña e doutras variantes de peixes, paxaros e seres antropomorfos ou do imaxinario local. Porén, no mundo rural onde se mantén viva a celebración, as máscaras, pantallas e complementos dos cigarróns, peliqueiros, volantes, felos e as outras varias ducias de nomes que configuran o catálogo de cultura inmaterial que vai nesta festa, tamén leva denuncia social fronte ao abuso, servidume e privacións aos que eran sometidas as xentes populares do país polos amos da terra ou do mar. Auténtica semiótica de rebeldía.

A semiótica do Entroido

Te puede interesar