Sinais que advirten dun perigo

Estamos a enfrontarnos á sexa extinción e o ritmo de apagamento é dez mil veces máis rápido do normal. Frase lapidaria que proclamou o berro da humanidade perante o Parlamento Europeo na voz da nena sueca que simboliza a rebelión xuvenil diante da pasividade das autoridades políticas no irreparábel proceso de quentamento global do planeta que este ano, por terceira vez de xeito concentrado nos últimos seis anos, marca máximos de temperatura rexistrada nos datos recollidos pola Organización Meteorolóxica Mundial até o estado alarmante de superar en 1,2 graos Celsius por riba dos niveis anteriores á industrialización cando arrincaron as emisións masivas de gases de efecto invernadoiro pola queima dos combustíbeis fósiles. Á vista dos datos, a tendencia de cara a un mundo cada vez máis quente é imparábel. Os efecto desta situación, tampouco se agochan, todo o contrario poden ollarse nos máis de trinta fenómenos de furacáns e ciclóns producidos nas augas do Atlántico, algún terribelmente devastador; no desxeo do Ártico que no pasado mes de setembro, na fotografía do satélite, acadou a máis grande extensión desde que se mide este detalle e mesmo ficou despexada a rota marítima que por alí transcorre perante a totalidade dos meses de verán. A conversión da capa de xeo en auga líquida está incrementando claramente a altura media do mar co seu efecto de anegar territorios e poboacións da beiramar e, ao quentarse tamén as augas deste medio, modificar as características da diversidade biolóxica oceánica que representa extinción e morte de especies ou, nas menos graves das consecuencias, dificultade de adaptación, alimento e reprodución das superviventes. 

A longa ringleiras de adversidade non para aí, súmense os episodios de chuvias extremas unidas ás inundacións, ondas de calor insoportábel coa adxunta vaga de incendios e secas en terras do interior que, ao final dunha cadea lóxica, producen consecuencias graves nas poboacións humanas disparando movementos significativos e acentuando a pobreza extrema nos grupos vulnerábeis. Noticias que marcan a crónica calamitosa de xornais e medios audiovisuais nun ano virado de cara a pandemia sanitaria global da infección vírica que deixa nun plano secundario a importancia de asumir este panorama climático como sinal de advertencia dun perigo que, nun actual informe de 120 expertos mundiais, indica que a “crise climática colapsará o sistema sanitario”, alén do Covid-19. Aínda máis, Europa ten a puntuación máis alta no índice de vulnerabilidade á calor. Crítico. 

Sinais que advirten dun perigo

Te puede interesar