Sortilexio das herbas feiticeiras

Vimos de celebrar a Noite do Lume Novo, cristianizada na figura do santo Xoán, un ano máis aínda que nas limitadas condicións de mobilidade que representa esta fase da pandemia sanitaria que todo condiciona diante do medo ao contaxio pola acción dese virus tan imperceptíbel á nosa ollada como promiscuo na súa capacidade reprodutiva da que resulta un efecto exponencial na súa propagación planetaria. Aínda así, coutados na dimensión festiva desta noite máxica, non podemos esquecer o significado antropolóxico que nos une á tradición multisecular dun xeito de representación da importancia do medio natural arredor do momento no que se produce o solsticio de verán, no hemisferio norte da xeografía terráquea; e dicir, cando se ten o maior período de luz polo día ou dito doutro xeito, vén a ser cando amence máis cedo e o sol deitase máis tarde. 

Para alén da simboloxía mítica que representou, nas civilización prehistóricas dependentes do cultivo de produtos agrarios, este recorrente sistema astronómico foi forxando unha tradición cargada de elementos máxicos de carácter feiticeiro polo seu poder de atracción dos que é difícil resistirse a eles ao atribuírlles factores e poderes sobrenaturais que se trasladan a cousas da natureza nas que se materializa esa capacidade milagreira obsesivamente buscada, sexa para curar un mal ou lograr o ben material dunha reprodución humana que para os tempos pasados resultou ser sinónimo de riqueza, prosperidade e fartura material. Velaí o significado esotérico das nosas “Herbas de San Xoán”, esas plantas recentes que se poñen en auga na véspera da festividade deste santo, e dicir na noite do Lume Novo, para lavarse con elas ao outro día nun rito de variada significación territorial mais que se engade a outros que procuran a fertilidade.

Aquí, pola proximidade comarcal, situaremos o “baño das nove ondas da Lanzada”, aínda que algún estudo relaciona outras datas de referencia nas que se celebraría esta cerimonia de liturxia profana, a máis grande parte das pescudas académicas optan por situar temporalmente este ritual nesta noite feiticeira nunha orixe castrexa focalizada nunha deidade da fecundidade, moi anterior á cristianización da hermida alí existente na advocación da virxe que leva o topónimo do enclave.

Herbas, ondas de fecundidade, trasnadas indoloras e cacharelas para queimar os guindastres vellos, abrindo así un tempo novo mellor. Os elementos da natureza sempre presentes nunha celebración que foi mudando cos tempos para poñer foco actual na imaxe das “Fogueiras de San Xoán”, de festa na que se comen sardiñas á brasa, bébese viño e cántase e bailase ao redor do lume que remata coa exclamación: Salto por riba do lume de San Xoán, para que non me trabe cadela nin can, nin bicho vivinte que ande polo chan. Nin cantos males me han. 

Herbas premonitorias: De seguir verdes, prosperidade. Se murchan, infortunio. Sortilexio revelado.

Sortilexio das herbas feiticeiras

Te puede interesar