Teima na desfeita do patrimonio cultural

A presente edición do Alba de Gloria de Alfonso R. Castelao, dedicada polo Centro Galego no primeiro cabodano do falecemento do seu esgrevio autor, fica composta de 2000 exemplares numerados e imprentada toda ela en papel extra strong. Rematouse na Imprenta López, Perú 666, Buenos Aires o día 2 de xaneiro de 1951”; así reza na publicación conmemorativa que financiou esta veterana entidade da comunidade galega bonaerense. Porta de lembranza ao setenta aniversario do mítico discurso de Castelao, pronunciado o 25 de xullo de 1948 e posteriormente incluído na obra “Sempre en Galiza”; recordo que vai parello ao laio polo último acontecemento coa institución, casa e hospital asistencial dos galegos na capital arxentina; agora vítima dunha operación na xestión do inmoble que preocupa polo efecto que poda representar para o patrimonio colectivo, sentimental e cultural, material e inmaterial, deste noso país.
Por iso, non podía esquecerse na queixa feita polas voces representativas da forzas política que veñen de conmemorar o aniversario da súa morte, novamente como cada ano arredor da data do sete de xaneiro, coa presenza e ofrenda floral ao seu monumento no Rianxo natal. Demanda e preocupación que tamén é compartida por moitas outras entidades e colectivos co seu pronunciamento público e petición de intervención da Xunta de Galicia que non pode limitarse “a negociar traer ao territorio galego o cadro co lenzo que Castelao dedicou á morte por fusilamento de Alexandre Bóveda: A derradeira lección do mestre”; se non que debe garantir coa súa xestión que o legado cultural galego manteña a súa integridade, cumprindo o mandato legal establecido na Lei de galeguidade como na do Patrimonio Cultural de Galicia. Non pode mirar de esguello. 
Así, o mesmo presidente galego foi testemuña directa da presentación polo Consello da Cultura Galega do informe, consecuente coa función asesora que ten establecida por lei, sobre os fondos patrimoniais e cultural do Centro Galego de Bos Aires no que se considera que “o patrimonio cultural (artístico, documental, bibliográfico, musical e hemerográfico) que custodia o centro constitúe un legado imprescindible que merece o máis alto grao de protección xurídica para garantir a súa integridade e a súa conservación no futuro”. Velaí a responsabilidade institucional.
Na mesma sesión presentouse outro documento, este referente ao valor patrimonial do conxunto artístico e arquitectónico integrante do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, demandando a súa declaración como Ben de Interese Cultural; asegurando a protección unida á colección artística cunha xestión dotada de personalidade xurídica de seu para “a súa posta en valor, a difusión e o enriquecemento dos seus fondos”. Frear a teima na desfeita do patrimonio.

Teima na desfeita do patrimonio cultural

Te puede interesar