O temor nos tempos do cólera

ólera, aquí tomado como metáfora dunha pandemia que con absoluta certeza vai mudar moitas das cousas que conforman o noso modelo de vida, é substantivo masculino que nunha primeira expresión fala desa enfermidade infecciosa caracterizada por vómitos, diarrea, cambras, fraquezas e outros síntomas que polo xeral se dá en epidemias, resultando moi grave. Curiosamente, este andazo que se reproduciu nunha manchea de ocasións a través da historia humana, deixou marcado a ferro a propia linguaxe de tal xeito que cólera é vocábulo que indica, neste caso como substantivo feminino, o enfado moi violento  acompañado dunha forte reacción agresiva. Cando unha persoa monta en cólera, mellor afastarse dela. Un bo consello, abofé.
Non é caso único. Outro tanto sucede a respecto da rabia; doenza infecciosa de certos animais, particularmente do can, que se transmite por trabada ás persoas ou a outros animais. Porén, o uso lingüístico máis frecuente de rabia, lévanos a outros significados: A profunda excitación de ánimo producida por  algún suceso adverso, que non saíu como se esperaba. É sinónimo de mala vontade ou disposición do ánimo contra algo ou alguén. A senso contrario é manifestación da forza moral que leva a acometer calquera empresa, a enfrontarse a un perigo ou dificultade. Deste xeito, a respecto do nome de pila e sen pór apelido ao actual invasor, virus é palabra de dupla significación. Agora, o mundo olla para ese ruín, microorganismo invisible co microscopio óptico, que actúa como axente infeccioso e que pode reproducirse como parasito no interior de células vivas, ás que acaba destruíndo. Velaí o actual Covid-19. Sen embargo, de non mediar o estado de opinión pública a respecto da pandemia que, hoxe en día, soporta toda a cidadanía da extensa xeografía planetaria, con máis ou menos casos de contaxio informados, o normal sería considerar o seu efecto na informática e nas modernas tecnoloxías de comunicación para falar deses intrusos, programas ou serie de instrucións que, introducidas de forma parasita no disco dun ordenador, dun teléfono móbil ou de aparello conectado en rede, poden destruír ou alterar os datos e mesmo facerse co seu total dominio,controlando o manexo da máquina. Así, o adxectivo viral, é concepto que trae temor e preocupación pola incerteza do efecto de expansión que o virus vai provocar na súa extensión incalculábel, co seu ritmo multiplicador ata ser neutralizado por una vacina que actúe como antíxeno, producindo inmunización, e pola transformación que este proceso levará ao sistema operativo dos equipos tecnolóxicos ou aos comportamentos das vidas humanas na súa relación social; e, tamén, nas políticas económicas, laborais e de benestar, incluído os dereitos universais de carácter educativo e sanitario. Temor e inquedanza, sabendo que vivimos un tempo de mudanza no que se aveciña unha metamorfose.

O temor nos tempos do cólera

Te puede interesar